A Universidade da Coruña rexistra os mellores datos de inserción laboral dos seus titulados desde 2004

Nota de prensa
10/10/19 12:32
  • Institucional

A Coruña, 10 de outubro de 2019.- A taxa de emprego dos titulados pola Universidade da Coruña no ano 2015 mellora un 3% de media os datos do anterior estudo de 2014 situándose no 86%, o que vén ser o mellor dato de emprego rexistrado desde o ano 2004 en que comezou a analizarse a inserción laboral na Universidade da Coruña. Esta porcentaxe permite á Universidade da Coruña manter o seu histórico liderado dentro do Sistema Universitario Galego en inserción laboral, que ten como media o 79,6%.

O reitor da UDC, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e o director do Observatorio Ocupacional da UDC, Paolo Rungo, presentaron esta mañá o informe “Inserción laboral e características do emprego dos egresados e das egresadas da Universidade da Coruña”. O estudo realizouse a través de enquisas telefónicas durante o mes de xuño de 2019 a 1.506 egresados no ano 2015 (dun total de 1.909 graduados), de 37 titulacións de grao distintas. Estes datos son “moi interesantes”, segundo explicou o reitor, porque “é o primeiro estudo de empregabilidade que se fai sobre os titulados polo plan Boloña”. “Son datos francamente positivos, a taxa de paro é menor que a media de Galicia, o que vén corroborar o esforzo que está facendo a Universidade da Coruña por adaptar as titulacións ás demandas que a sociedade necesita”, manifestou Abalde, ironizando con que “os datos non confirman o dito de que a universidade é unha fábrica de parados”.

Pola súa parte, a vicerreitora de Estudantes puntualizou que non hai correspondencia entre unha elevada nota de corte no acceso á unha titulación universitaria e a empregabilidade desa titulación, como demostran os datos de paro cero dalgunhas titulacións da Universidade da Coruña con menos alumnos. Rungo ademais de explicar os datos de inserción laboral dos graduados pola UDC adiantou que o Observatorio Ocupacional está a traballar no informe de empregabilidade dos titulados nos Mestrados.

A área de Enxeñaría e Arquitectura é a que ten un mellor comportamento, cunha taxa de inserción laboral do 93% (anterior: 88%). Ciencias da Saúde ten unha taxa de emprego do 89,1% (anterior: 89,8%); Ciencias Sociais e Xurídicas sube a taxa de inserción ata o 83% (anterior: 77%); Arte e Humanidades mellora tamén ata o 84% (anterior: 80%); así como a rama de Ciencias que se sitúa no 71% de inserción laboral (anterior: 66%).

Segundo se desprende do Informe hai oito graos na Universidade da Coruña sen paro: Enxeñaría Informática, Turismo, Tecnoloxías Mariñas; Podoloxía, Enxeñaría Eléctrica, Náutica e Transporte Marítimo; Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, e Química.

A taxa de paro dos titulados pola UDC é de 5,8%; en Galicia a taxa de paro entre a poboación con formación superior en idades entre 25 e 29 anos é do 12,5% mentras que na media de España é do 14,3% nese mesmo período analizado.

Sete de cada dez ocupados atoparon emprego en menos dun ano, reducíndose este período a seis meses para 5,6 ocupados de cada dez. A porcentaxe de graduados que atoparon emprego en menos dun ano por ramas é do 90% para os titulados de Ciencias da Saúde; 72% para os de Enxeñaría e Arquitectura; 71% para Ciencias Sociais; 52% para Artes e Humanidades; e 33,8% para Ciencias. En Turismo, Enxeñaría Informática e Fisioterapia, nove de cada dez graduados ocupados atoparon emprego en menos de seis meses.

 

Boa relación entre emprego e estudos

Sobre as características do emprego, sete de cada dez graduados ocupados declaran que o seu emprego está “relacionado” ou “moi relacionado” cos seus estudos. Nove de cada dez titulados traballan por conta allea. A cifra de autónomos ou empresarios é maior na área de Ciencias da Saúde, 21,4%; porcentaxe que diminúe no resto das áreas, Enxeñaría e Arquitectura, 5,9%; Ciencias Sociais, 5,7%; Artes e Humanidades, 2,4% e Ciencias, 2,2%.

O 76% dos traballadores está a tempo completo mentres que catro de cada dez traballadores a tempo parcial elixiu esta modalidade de forma voluntaria.

No que atinxe á remuneración, o soldo neto mensual medio dos egresados que traballan a tempo completo é de 1.450€, un 4% máis que o ano anterior; sendo para os homes de 1.580€ e para as mulleres, 1.350€, o que dá unha brecha salarial por xénero do 15%. Por ramas, o soldo varía de 1.615€ para os titulados de Enxeñaría e Arquitectura aos 1.280€ da área de Ciencias. Os egresados de Ciencias da Saúde cobran 1.417€; Ciencias Sociais e Xurídicas, 1.358€; e os de Artes e Humanidades, 1.312€.

Finalmente, o informe recolle que oito de cada dez egresados ocupados desempeña a súa actividade en Galicia; só o 3% traballa no estranxeiro, sendo os titulados en Enxeñaría e Arquitectura os que teñen unha maior mobilidade cun 6% dos titulados que exercen a súa profesión no estranxeiro. Por ramas, os egresados que desempeñan a súa actividade en Galicia son o 92,8% en Artes e Humanidades; 80,5% en Ciencias; 88,3% en Ciencias da Saúde; 79,4% en Ciencias Sociais e Xurídicas; e 71,6% en Enxeñaría e Arquitectura.

 

 

Graos da Universidade da Coruña por ramas de coñecemento

Artes e Humanidades

Español: Estudos Lingüísticos e Literarios

Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios

Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

Humanidades (en extinción)

Información e Documentación (substituído este curso polo Grao en Xestión Dixital da Información e Documentación)

Ciencias

Bioloxía

Química

Ciencias da Saúde

Enfermaría (Ferrol e A Coruña)

Podoloxía

Terapia Ocupacional

Logopedia

Fisioterapia

Ciencias Socias e Xurídicas

Administración e Dirección de Empresas

Ciencias Empresariais

Economía

Comunicación Audiovisual

Creación Dixital, Animación e Videoxogos (implantado este curso)

Dereito

Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Educación Infantil

Educación Primaria

Educación Social

Relacións Laborais e Recursos Humanos (Ferrol e A Coruña)

Socioloxía

Turismo

Xestión Industrial da Moda (implantado o curso pasado)

Enxeñaría e Arquitectura

Estudos de Arquitectura

Paisaxe (interuniversitario coa USC)

Arquitectura Técnica

Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto

Enxeñaría de Obras Públicas

Tecnoloxías da Enxeñaría Civil

Enxeñaría Eléctrica (opción Dual implantada este curso)

Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

Enxeñaría Informática

Ciencia e Enxeñaría de Datos (implantado este curso)

Enxeñaría Mecánica

Enxeñaría Naval e Oceánica

Náutica e Transporte Marítimo

Tecnoloxías Mariñas

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC