A Universidade da Coruña presenta na Madrid Games Week 2018 a súa oferta académica no sector de videoxogos

17/10/18 8:42

A Coruña, 17 de outubro de 2018.- A Universidade da Coruña, representada polo Campus Innova, o Campus Industrial e a Facultade de Ciencias da Comunicación, estará presente na Madrid Games Week 2018, a Feira do Videoxogo e a Electrónica para o Ocio, que se celebrará do 18 ao  21 de outubro.

Trátase da gran feira anual do sector que reunirá en IFEMA ás principais marcas do sector do videoxogo e concentrará todas as novidades e lanzamentos nacionais desta industria. Para esta edición, repleta de contidos e moi ambiciosa, prevíronse máis de 40.000 metros cadrados de exposición, en liña co crecemento desta industria en España.

A Universidade da Coruña busca coa súa participación achegarse ao público afeccionado ao mundo do videoxogo para presentarlle a súa oferta académica neste ámbito e poñer en valor a formación adquirida polo seu alumnado. Para isto, contará cun stand propio (14.0E03) situado no pavillón 14 do recinto feiral.

Así mesmo, protagonizará unha das conferencias da programación da Madrid Games Week, o sábado 20 ás 11:00 horas, que versará sobre a “Oferta formativa da Universidade da Coruña en creación e desenvolvemento de videoxogos” impartida polo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández.

Grado en Creación Dixital, Animación e Videoxogos

Unha das grandes novidades que presentará a Universidade da Coruña é o Grado en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, un título oficial que iniciará o seu primeiro curso en setembro de 2019 e que abarca o proceso completo de produción de animación e videoxogos desde diferentes puntos de vista, incluíndo o creativo, técnico, artístico e comercial.

Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos

Así mesmo, a UDC promocionará o seu Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que comezou a súa andadura no Campus de Ferrol neste curso 2018-2019. Trátase dun título oficial que aborda as temáticas para converter aos seus alumnos en profesionais capaces de aportar solucións creativas nunha industria cada vez máis dinámica e necesitada de talento.

 

Publicado por: Campus Innova