A Coruña, 19 de febreiro de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) será a encargada de acoller as competicións dos deportes colectivos nos Campionatos Galegos Universitarios 2025, que se celebrarán os días 12 e 13 de marzo. O evento, organizado de maneira rotatoria entre as tres universidades galegas e que conta co apoio da Secretaria Xeral para o Deporte, foi presentado esta mañá en Santiago de Compostela nun acto no que participou a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya Riveiro.
Nesta edición, a UDC será sede das competicións de fútbol, rugby, baloncesto, fútbol sala, voleibol e balonmán, que reunirán un total de 492 deportistas, con paridade absoluta entre mulleres e homes (246 en cada categoría). As probas desenvolveranse en distintas instalacións da cidade e arredores: o Campus de Elviña, a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física en Oleiros e os campos de San Pedro de Visma na Coruña.
Ademais da participación deportiva, espérase unha asistencia superior a 280 persoas como público, consolidando estes campionatos como unha cita clave do calendario deportivo universitario en Galicia.
A organización do evento corre a cargo das tres universidades galegas, repartindo as distintas modalidades entre elas. Neste senso, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) será responsable das probas de orientación, mentres que a Universidade de Vigo (UVigo) acollerá as competicións de vela e natación.
A UDC reafirma, con esta acollida dos deportes colectivos, o seu compromiso co fomento da práctica deportiva entre a comunidade universitaria, promovendo valores de traballo en equipo, esforzo e convivencia a través do deporte.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC