A Universidade da Coruña lidera un proxecto nacional sobre o impacto da intelixencia artificial no sector asegurador

Nota de prensa

10/07/25 12:38

  • Institucional
  • Os docentes da UDC Rafael Colina Garea e Mª do Rocío Quintáns Eiras dirixen esta iniciativa de tres anos de duración na que colabora un equipo interdisciplinar composto por 15 persoas. 
  • O obxectivo principal é analizar o impacto que a intelixencia artificial (IA) está a ter no mercado asegurador, identificando oportunidades e retos xurídicos, éticos e sociais. 
  • No marco desta investigación, a Facultade de Dereito da UDC acolleu no mes de xuño unha xornada na que se abordaron os usos desta tecnoloxía no ámbito académico e docente.

 

A Coruña, 10 de xullo de 2025.- A Universidade da Coruña lidera un proxecto nacional sobre o impacto da intelixencia artificial no sector asegurador. Trátase da investigación “Intelixencia artificial na comercialización de seguros: desafíos de transparencia, gobernanza e supervisión”, dirixida polos profesores da Universidade da Coruña Rafael Colina Garea, catedrático de Dereito Civil e Mª do Rocío Quintáns Eiras, catedrática de Dereito Mercantil. Esta iniciativa está financiada no marco da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Cunha duración de tres anos, esta iniciativa reúne a un equipo interdisciplinar de 15 investigadores e investigadoras procedentes de distintas universidades españolas e de ámbitos tan diversos como o Dereito (civil, mercantil, constitucional, internacional privado, administrativo), a Informática, a Economía, a Socioloxía ou a Comunicación. Asociada ao proxecto, concedeuse unha axuda para a formación de persoal investigador predoutoral no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.

O obxectivo central desta investigación é analizar o profundo impacto que a intelixencia artificial (IA) está a ter no mercado asegurador, identificando tanto as súas oportunidades como os retos xurídicos, éticos e sociais que expón. O estudo abordará cuestións clave como a protección das persoas consumidoras, a transparencia informativa na contratación, ou a necesidade de adaptar os actuais modelos de gobernanza e supervisión do sector. Prestarase especial atención aos colectivos en situación de vulnerabilidade —persoas maiores, con discapacidade ou en risco de exclusión— fronte ao uso de tecnoloxías baseadas en IA aplicadas á oferta, a subscrición e a xestión de seguros. Así mesmo, analizarase como a IA está a dar lugar a novos modelos de comercialización de seguros —como os seguros on-demand, paramétricos ou embebidos, roboadvisors, etc,— e estudaranse os desafíos derivados da externalización de servizos tecnolóxicos por parte de entidades aseguradoras, nun contexto altamente regulado.

Este proxecto aspira a xerar un impacto científico e social significativo, en liña cos obxectivos do Plan España Dixital 2025 e do Programa Horizonte Europa, promovendo un uso ético, inclusivo e transparente da intelixencia artificial nun sector estratéxico para a economía, como é o asegurador.

A Facultade de Dereito da UDC acolleu o pasado mes de xuño a xornada de presentación deste proxecto, un encontro no que se abordaron os usos actuais e potenciais da IA xerativa no eido do Dereito. Un espazo  de reflexión en torno ao papel desta tecnoloxía no ámbito xurídico, tanto en investigación como na formación universitaria, consolidándose como unha das primeiras actividades públicas do proxecto.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC