A Universidade da Coruña inicia a implantación da nova ferramenta de xestión académica Sigma

Nota de prensa

30/09/22 13:58

  • Institucional

A Coruña, 30 de setembro de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez Veiga, presentaron onte na Reitoría a nova ferramenta de xestión académica Sigma aos decanos e directores de centros e a xefes dos servizos da UDC.

Esta nova ferramenta, que comeza a implantarse agora, vén substituír á actual Xescampus nun proceso que será gradual e comezará coas xestións referentes aos másteres e formación non regrada este curso, para o próximo estenderse ás dos graos e doutoramento. Así o explicaron onte o reitor, a vicerreitora e a representante de Sigma, Victoria Montenegro.

“Sigma vai moito máis alá da substitución de Xescampus, levará a un cambio radical no funcionamento e da estrutura dos servizos”, explicou Abalde, alegando que entre outros beneficios permitirá facer máis procesos e será máis áxil. “Esta ferramenta é moito máis integradora e vai supor que o alumnado terá unha ventá única desde o punto de vista académico, así como tamén o profesorado”, continuou o reitor.

A Universidade leva xa un ano de traballo previo con Sigma para desenvolver esta aplicación que se usa xa en 24 universidades españolas e outras institucións, o que, xunto cos preto de vinte anos de experiencia, avalan a calidade da mesma. Ademais a incorporación das tres universidades galegas a este sistema facilitará os trámites dos títulos interuniversitarios así como as posibles adaptacións á normativa académica estatal e autonómica. O proceso de implantación que agora comeza será longo e durará dous ou tres cursos polo que durante un tempo coexistirán Xescampus e Sigma aínda que para funcións distintas. Ao longo deste tempo, a empresa Sigma acompañará a instauración do novo sistema e ofrecerá formación específica ao persoal para implantar unha ferramenta que traerá importantes beneficios aos seus usuarios.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC