A Universidade da Coruña achegará a ciencia aos bares da cidade co festival internacional de divulgación científica Pint of Science

Nota de prensa

19/05/23 9:41

  • Institucional

A Coruña, 19 de maio de 2023.- A oitava edición do festival de divulgación científica Pint of Science chega á cidade da Coruña entre os días 22 e 24 de maio para encher os bares de ciencia. O evento terá lugar de xeito simultáneo en 57 cidades españolas, o que consolida España como o segundo país con máis participación, do total de 26 que participan nesta iniciativa.

Serán dous bares da cidade os que contarán coas intervencións de 12 científicos e científicas, na súa maioría investigadores da UDC. Trátase do Bar Árnica, na rúa de Herrerías, 2, e La Olímpica Bar en Alfredo Vicenti, 39, os días mencionados a partir das 20 horas.

 Os temas que tratarán nesta edición van dende a intelixencia artificial, a epixenética da transexualidade, as células artificiais ou os coches que funcionan con hidróxeno.

As xornadas distribuiranse do seguinte xeito:

O día 22 no Bar Árnica terán a quenda Roberto Brea, do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), que falará de Células artificiais á carta: creando vida no laboratorio, e Verónica Bolón, do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación), que contará Por que aínda non lle debemos temer aos robots.

O mércores 23 será Socorro Castro, do CICA, quen explicará Como funciona un coche de hidróxeno e Ángel D. Arós Rodríguez, da UDC, sorprenderá a todos cunha exposición que leva por título “Todos os soles, á vez, en todas partes”.

Xa o día 24 Vicente Díaz Casás do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) achegaranos á Enerxía do Mar, a Eólica mariña e Rosa María Fernández García do CICA cuestionarase se Existe un xen da transexualidade, entre moitas outras sorpresas.

Pola súa banda La Olímpica Bar acollerá como sesións inaugurais o día 22 a Alicia L. Bruzos, do University College of London, que nos contará A viaxe submarina dunha célula de cancro, e a Manuel Herrador, do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), cunha intervención que leva por título A miña casa é de plástico!

O martes 23 tocaralles a José Luis Pardo Vázquez, do CICA, que nos explicará Que pasa no cerebro cando se toma unha decisión?, e a Gloria González Fortes, do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parda Pondal, coa exposición Tal como éramos: un retrato xenético dos nosos antepasados.

Xa para rematar, o día 24 clausurarán o festival Jesica Asatryan, do CITENI, quen explicará a razón pola que Os fotóns son caros e Francisco Alonso Tajes, da UDC, coa charla Rafa Nadal e Usain Bolt: campións de pés de barro?

En definitiva, serán uns días amenos e divertidos nos que os investigadores falarán das áreas máis variadas nunha linguaxe próxima e comprensible para todo o público.

O evento é de carácter gratuíto, e o programa completo pode consultarse na web: https://pintofscience.es/events/coruna

 

Pint of Science

Pint of Science naceu en maio de 2013 no Reino Unido, cando dous investigadores, Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios coa fin de amosar a investigación que estaban a facer a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e así pensaron, “se a xente vai á ciencia… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente? OS BARES”. Non imaxinaban que uns anos despois, este festival daría a volta ao mundo.

Os patrocinadores desta edición son FMC Agricultural Solutions e Vadillo Asesores a nivel nacional e a Universidade da Coruña, o FECYT, o Ministerio de Ciencia e Innovación e Coca-Cola na localidade coruñesa.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC