A Coruña, 20 de maio de 2019.- O vindeiro 14 de xuño o catedrático da Universidade da Coruña Jaime Rodríguez Arana será investido como Doutor Honoris Causa pola Universidade Escuela Libre de Derecho, de Costa Rica, en recoñecemento “á súa innegable e trascendente contribución ao desenvolvemento e crecemento das ciencias xurídicas de Iberoamérica” segundo consta na acta da sesión en que se aprobou o nomeamento que tamén valora “os seus aportes doctrinarios do máis alto nivel en Dereito Administrativo, de España para América e de América para España”.
A cerimonia de investidura terá lugar no marco do IX Congreso Internacional da Rede Docente Eurolationamericana de Dereito Administrativo que se organiza nesta universidade con motivo do seu corenta aniversario.
Jaime Rodríguez Arana é catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, na que dirixe o grupo de investigación de Dereito Público Global e o Doutorado Internacional de Dereito Administrativo Iberoamericano. Preside o Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo e da Asociación Española de Ciencias Administrativas, así como a spin off “Ius Publicum Innovatio”. Tamén dirixe a Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia; coordina a Rede Iberoamericana de Contratación Pública e é vicepresidente da Asociación Internacional de Metodoloxía Xurídica e do Instituto Iberoamericano de Dereito Público e Administrativo Jesús González Pérez. É autor de 59 libros de Dereito Público, Dereito Constitucional, Dereito Administrativo e Ciencias Políticas.
Foi membro do Comité de Expertos en Administración Pública de Nacións Unidas (2005), subsecretario de Administracións Públicas do Reino de España (2000), presidente do Instituto Nacional de Administración Pública de España (2002), presidente da Fundación Instituto Internacional de Administración Pública (2001) e presidente e vicepresidente do Centro Latinoamericano de Administración para o Desenvolvemento (2002). Foi distinguido coa Gran Cruz da Orden de Isabel la Católica (2003). Foi membro do Xurado de Nacións Unidadas para os Premios Mundiais de Administración Pública (2006) e actualmente é membro do Observatorio Xurídico de Seguridade Marítima da Universidade da Coruña.
Tamén participou como observador da Unión Europea nas eleccións venezolanas de 1997; foi consultor do goberno hondureño en materia de Ética Pública e Transparencia (2000), consultor do Tribunal de Ética Gubernamental de El Salvador en cuestións de Ética Pública (2008), asesor da Fiscalía de Estado da provincia de Santa Fe, Arxentina, en materia de organización administrativa a través da Axencia Española de Cooperación Internacional (2007) e como consultor en asuntos de Dereito Administrativo e Ética Pública da Procuradoría da Administración Pública da República de Panamá e do Banco Interamericano de Desenvolvemento (2010). Foi consultor do Banco Mundial e do Ministerio da Presidencia da República de El Salvador para a lei de acceso á información e transparencia de El Salvador (2011), así como do Comisionado de Xustiza da República Dominicana en materia de procedemento administrativo (2012), entre moitos outros cargos e actividades que o relacionan con Nicaragua, México, Uruguai, Cuba, República Dominicana, Ecuador e Colombia.
O profesor Rodríguez Arana é Doutor Honoris Causa pola Universidade Hispanoamericana de Nicaragua.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC