A UDC participa no programa “Misións Comerciais en Feminino” para incorporar a perspectiva de xénero na transferencia de coñecemento

Nota de prensa

30/04/25 14:51

  • Institucional

 

  • No marco desta iniciativa, a Universidade da Coruña acolle a visita das emprendedoras do proxecto “Profes Inquietxs”, dirixido a estudantado e docentes que buscan formación máis alá do académico

 

A Coruña, 30 de abril de 2025.- A Unidade de Emprego da Universidade da Coruña, integrada no Vicerreitorado de Estudantes e Empregabilidade, participa estes días na iniciativa “Misións Comerciais en Feminino”, un proxecto estatal que busca incorporar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas.

No marco desta misión, a UDC acolle a visita das emprendedoras Lorena Martínez Benlloch e Paula Lucía González Torres, da Universidade Complutense de Madrid, impulsoras do proxecto "Profes Inquietxs", que promove actividades dirixidas a estudantes e educadores que desexan explorar novas formas de aprendizaxe máis alá do currículo académico tradicional. A súa proposta destaca pola promoción de competencias como o pensamento crítico, a resolución de problemas e a intelixencia emocional.

Durante hoxe, día 30 de abril, e o venres 2 de maio a Universidade desenvolverá en colaboración con elas un programa de actividades destinado a tecer alianzas coa comunidade universitaria, visibilizar as súas liñas de traballo e fomentar o emprendemento con enfoque de xénero.

O acto de benvida oficial tivo lugar esta mañá, ás 10:30 horas, na Reitoría da UDC, coa intervención da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña. Posteriormente, as participantes desprazáronse á Facultade de Ciencias da Educación, onde presentaron o seu proxecto ao profesorado e estudantado, nunha xornada conducida polas docentes María Paula Ríos de Deus e María del Pilar García de la Torre.

Xa pola tarde, visitarán o ecosistema de emprendemento da UDC no Edificio de Servizos Centrais de Investigación (ESCI), onde coñecerán os espazos de coworking e os programas que promove a Universidade, como o Santander X Explorer UDC e Espazocoop, a colaboración coa Rede Eusumo-Unión de Cooperativas Galegas. O venres 2 de maio completarán a súa misión con sesións de mentoring.

A iniciativa “Misións Comerciais en feminino” está coordinada pola plataforma Innovatia 8.3, co obxectivo de favorecer o emprendemento liderado por mulleres e fortalecer as redes entre universidades, emprendedoras e entidades públicas e privadas.

 

Máis información:  Misións comerciais en feminino

 

Foto: a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, María José Lombardía, e a técnica de emprego da UDC Inmaculada Muñoz Pliego (2ª e 4ª pola dereita) xunto coas emprendedoras Lorena Martínez Benlloch e Paula Lucía González Torres, da Universidade Complutense de Madrid.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC