A UDC obtén máis de 5 millóns de euros para impulsar proxectos de investigación de excelencia

Nota de prensa

26/08/25 12:17

  • Institucional
CICA
  • Un total de 27 candidaturas da Universidade da Coruña obtiveron financiamento na convocatoria da Xunta de Galicia dirixida a unidades de investigación competitivas
  • Trátase de oito Grupos de Referencia Competitiva; dez de Grupos con Potencial de Crecemento e nove na modalidade de Persoal Investigador con Traxectoria Excelente


A Coruña, 26 de agosto de 2025.- A Universidade da Coruña ven de acadar un total de 5,1 millóns de euros na convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas convocada pola Xunta de Galicia, unha cifra que amosa un incremento na captación destes fondos por parte da UDC de máis do 40% con respecto á convocatoria anterior.

Esta liña de axudas céntrase na consolidación e estruturación de unidades de investigación nas universidades públicas de Galicia, nas súas tres modalidades: Grupos de Referencia Competitiva, Grupos con Potencial de Crecemento e Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

Nesta edición obtiveron financiamento un total de 8 Grupos de Referencia Competitiva (GRC) cun apoio de 3,1 millóns de euros; 10 na modalidade de Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), que recibirán máis dun millón de euros. Finalmente, no caso dos Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, nove foron as candidaturas que obtiveron financiamento para os seus proxectos, cun total de 935.000 euros.

Do total das 27 candidaturas seleccionadas, 8 están adscritas ao CITIC (Centro Investigación TIC); outras 8 ao CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía); 4 ao CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil), 2 ao CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais). A estas súmanse 1 de investigadora de excelencia por un proxecto no Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal" e outras catro que non están adheridas a ningún centro de investigación.

Tres modalidades

A convocatoria resolta pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional abrangue o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (modalidade A), grupos cunha traxectoria moi consolidada e liderados por persoal científico recoñecido; a Grupos con Potencial de Crecemento (Modalidade B), que aínda se están formando e con traxectorias investigadoras incipientes na procura da excelencia, e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C), dirixidos a investigadores de alto impacto que aínda non lideran grupos.

Estas axudas destínanse a custe de contratación de persoal investigador ou auxiliar, ferramentas de xestión do coñecemento e información, pequena equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC