A UDC lidera dous proxectos do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS)

Nota de prensa

4/07/24 10:34

  • Institucional
  • As investigadoras da UDC Susana Ladra e Ana López Cheda lideran DATAMICROCCR e MCSICAR, centrados respectivamente en novas liñas de estudo sobre microbioma e o cáncer de mama.
  • A Universidade da Coruña participará ademais noutros dous proxectos como entidade colaboradora.
  • O PCBAS de Galicia conta cun orzamento de tres millón de euros e inclúe un total de 15 proxectos innovadores.

A Coruña, 4 de xullo de 2024.- A UDC participará activamente no Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada da Saúde (PCBAS) de Galicia liderando 2 dos proxectos (DATAMICROCCR e MCSICAR) e colaborando noutros dous (Nidoa e Inmunomas-Pro).

 

Este plan, coordinado en Galicia pola Fundación Kaertor, conta cun orzamento de 3 millóns de euros e inclúe 15 proxectos innovadores das universidades galegas e institutos de investigación sanitaria, financiados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que conta con fondos NextGenerationEU.

 

O programa busca desenvolver novas ferramentas de diagnóstico, terapias avanzadas e avanzar nunha medicina personalizada, coordinando esforzos entre universidades e centros de investigación. Será neste marco no que a UDC terá unha participación relevante a través da súa presenza en catro proxectos.

 

Algoritmos e microbioma

O proxecto DATAMICROCCR, do que é investigadora principal Susana Ladra, PDI da UDC, realízase en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Prevé o desenvolvemento de ferramentas bioinformáticas e algoritmos para analizar mostras e datos clínicos para o estudo da influencia do microbioma na resposta ao tratamento do cancro colorrectal.

 

Diversos factores de risco, como o estilo de vida ou a dieta, inflúen no microbioma, o conxunto de xenomas dos microorganismos do corpo humano. Este conxunto inflúe no desenvolvemento e a evolución de patoloxías como o cancro. A análise destes datos e, por tanto, o desenvolvemento do proxecto, facilitará descubrir que poboacións bacterianas son beneficiosas ou prexudiciais á hora de desenvolver e tratar esta enfermidade. 

 

A cardiotoxicidade a exame

Pola súa banda, a investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comuninicacións (CITIC) Ana López Cheda lidera o proxecto MCSICAR, tamén en colaboración co INIBIC, que busca mellorar a calidade de pacientes oncolóxicos. En concreto, de persoas diagnosticadas con cancro de mama do subtipo HER2+. Os tratamentos enfocados a combater a proteína HER2 favoreceron a supervivencia deste tipo de enfermidade. Con todo, poden provocar efectos secundarios como a toxicidade cardiovascular. O núcleo central deste proxecto é predicir a aparición de cardiotoxicidade utilizando métodos estatísticos. Uns modelos que permiten estimar a probabilidade que ten un paciente de desenvolver este efecto secundario, cal é o período de maior risco e entender que factores inflúen no seu desenvolvemento.  

A estes dous proxectos, súmase a participación da UDC no programa NIDOA, liderado pola Fundación Novoa Santos, dirixido ao descubrimento de novos inhibidores de DPP4 para o tratamento da artrose e no INMUNOMACS-PRO, coordinado pola Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), que se centra na plataforma de cribado de fármacos e a análise interaccións fármaco-diana.

 

20240704 mesa debate CITIC-web

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC