A UDC incorpora ao seu Claustro de Honra a dous referentes: David Uzzell en psicoloxía social e Enrique Orts, na área xurídica

Nota de prensa
7/11/19 14:53
  • Institucional

A Coruña, 7 de novembro de 2019.- O reitor, Julio Abalde, presidiu esta mañá no Paraninfo da Reitoría o acto académico de investidura como doutores Honoris Causa dos profesores David Lawrence Uzzell e Enrique Orts Berenguer, apadriñados por Ricardo García Mira e Carlos Martínez-Buján Pérez, respectivamente.

David Uzzell, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Surrey, está vinculado desde hai anos á Facultade de Ciencias da Educación en temas de psicoloxía ambiental.

Enrique Orts Berenguer, catedrático emérito de Dereito Penal na Universidade de Valencia, foi o primeiro decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, logo da segregación da Universidade de Santiago de Compostela.

Discurso do reitor, Julio Abalde:

“Prezados profesores Uzzell e Orts,

Padriños,

Membros da comunidade universitaria,

Autoridades,

Amigas e amigos todos:

 

O Claustro de honra da Universidade da Coruña enriquécese hoxe coa incorporación dos profesores David Uzzell e Enrique Orts.

Coa miña felicitación persoal quero expresarlles aos dous os parabéns da nosa comunidade universitaria, de cuxo sentir me comprace facerme privilexiado transmisor neste solemne acto académico.

As completas e brillantes laudatios dos profesores García Mira e Martínez-Buján acaban de mostrar con clareza as razóns académicas e científicas que levaron ás facultades de Ciencias da Educación e de Dereito, respectivamente, a promover os nomeamentos dos novos doutores honoris causa. Parabéns tamén, pois, para ambos os padriños pola súa iniciativa e polas exposicións que acaban de realizar.

Hei de recoñecer que para min, como reitor, resulta particularmente grato que os novos doutores honoríficos da Universidade da Coruña sexan dous eminentes profesores con longa e estreita relación cos nosos departamentos e grupos de investigación.

Quere isto dicir que, ademais dos seus sobresaíntes currículos como docentes e como científicos, os doutores Uzzell e Orts reúnen unha condición altamente valiosa e valorada nos campus: ambos son mestres.

Porque, en efecto, ambos profesores acreditan traxectorias en que resulta doado percibir a súa capacidade para crear escola: esa virtude de iren creando ao seu arredor unha verdadeira rede de discípulos que, no seu exercicio profesional, sempre os teñen como referentes de prestixio. Universidade en estado puro: creación e transmisión do saber. Excelencia.

A Universidade, como lembraba o profesor Martínez-Buján, concede os graos de doutor honoris causa como recoñecemento ben polo labor destacado na docencia e na investigación, ben polo alcance, a singularidade ou a transcendencia da súa actividade para o progreso colectivo.

Hoxe acollemos no Claustro de honra dúas persoas que non só reúnen estes requisitos, senón que figuran por méritos propios no selecto grupo dos intelectuais que abren camiños, que se converten en referentes.

A laudatio de Ricardo García Mira trasládanos unha precisa síntese do pensamento científico do profesor Uzzell e da xa vella vinculación coa Universidade da Coruña a través das súas conferencias, clases, direccións de teses e colaboracións sobre psicoloxía ambiental na Facultade de Ciencias da Educación.

Todas e todos os presentes acabamos de escoitar na súa propia voz a análise crítica que fai o profesor Uzzell sobre como se ten que enfrontar a crise climática desde o punto de vista da psicoloxía social.

Porque, efectivamente, como el nos acaba de nos lembrar, a crise climática é un problema colectivo e só se pode solucionar de xeito colectivo. A experiencia demostra que non abonda coa información ou con depositar a esperanza do cambio de comportamentos individuais nas xeracións vindeiras.

A cuestión non é confiar nun futuro máis sustentable, senón a necesidade dunha transformación social urxente.  Non se trata de adiar a solución á maior información e sensibilidade ecoloxista dos nosos fillos, senón de actuar agora para que non sexan eles, precisamente, os que paguen o día de mañá as consecuencias da nosa inacción e da nosa neglixencia.

Non é no mañá cando haberá que loitar contra os mares de plástico. É hoxe, cando cada ano usamos medio billón de bolsas de plástico. É hoxe, cando o mundo consume, cada minuto, un millón de botellas de plástico.  Este é o reproche da adolescente Greta Thunberg diante dos líderes mundiais mencionado polo profesor Uzzell no comezo da súa lección maxistral: “Como se atreven a dicir que están facendo o suficiente?

A participación e a implicación han ser máis cribles se avanzan na transformación social que reclama Uzzell. E compartimos a idea de que resulta máis efectivo cambiar os comportamentos actuando sobre as condicións sociais, económicas e ambientais que conducen aos comportamentos que queremos modificar.

A loita por un mundo mellor, máis xusto e máis equitativo tamén alentou sempre o traballo académico do profesor Enrique Orts e as súas achegas ao desenvolvemento e actualización do dereito penal español, en consonancia cos fondos cambios institucionais e sociolóxicos experimentados pola sociedade española nas catro últimas décadas, desde a restauración da democracia en 1978.

Vindo da situación que viña España na década dos oitenta do século pasado, fixo falta fiar moito non só para poñer en pé un código penal propio dun Estado de Dereito (democrático, por suposto), senón tamén moita pedagoxía para desenvolvelo. Para instaurar as novas normas nun universo ético desvinculado das connotacións de moral relixiosa que (entre outras cousas non menores) impregnaban o Dereito Penal español ata daquela.

A transformación política do Estado, desde unha ditadura persoal a unha democracia parlamentaria non foi doada. Non o foi en ningún ámbito e en ningún nivel. A Constitución de 1978 estableceu uns principios reitores baseados na democracia e nos dereitos humanos que obrigaron a unha remuda profunda da nosa lexislación. Un novo código penal e sucesivas reformas, xa sometidas á controversia política propia do contexto democrático pleno en que se move a vida pública española na actualidade.

Nese contexto de debate, definición ou redefinición, o profesor Orts fixo as achegas xa mencionadas na laudatio e por el mesmo. Un traballo de fino xurista para configurar o dereito penal, esa “inxerencia mínima para tutelar bens xurídicos” imprescindible para regular a vida colectiva á que se acaba de referir.

Non hai democracia sen lei, mais a elaboración das leis nun Estado democrático esixe un respecto escrupuloso aos dereitos fundamentais e a garantía da súa protección en todas e cada unha das liñas das normas en vigor.  Porque, en efecto, non hai verdades absolutas, o traballo dos representantes políticos da cidadanía precisa do labor técnico altamente cualificado e do debate crítico de xuristas como Enrique Orts.

Con Enrique Orts e con David Uzzell a Universidade da Coruña incorpora ao seu Claustro honorífico dous novos perfís. Dous novos persoeiros que veñen ampliar o noso abano de referentes académicos e científicos, esta vez desde a área xurídica e desde o campo da psicoloxía social.

Alén do carácter do xusto recoñecemento público e solemne ás súas traxectorias, a UDC enriquece o seu universo simbólico como universidade pública, moderna e comprometida co progreso da sociedade que nos sustenta.

Comprometida coa formación de bos profesionais, mais tamén co desenvolvemento sustentable e co progreso cultural, social e económico.

Comprometida tamén coa defensa e promoción do debate crítico, da democracia, da tolerancia e da loita contra a desigualdade e contra todo tipo de discriminación.

Unha universidade implicada no desenvolvemento da sociedade asume entre as súas misións básicas a de concertar coa súa contorna social e económica un fluxo continuo de transmisión do saber.  Se sempre debeu ser así, na sociedade do coñecemento resulta  determinante.

Nos campus xeramos coñecemento, moldeamos o talento e ese saber (básico ou aplicado) ten que se transferir á propia sociedade. Talento profesional, investigación e innovación ao servizo colectivo.

Os currículos dos profesores Uzzell e Orts reflicten unha característica común: a súa permanente colaboración ou participación activa cos centros de decisión (lexislativa, executiva, xudicial) en distintos ámbitos e niveis, de xeito que as súas investigacións e as súas análises saen do espazo docente. Transfírense á sociedade. 

Homenaxeamos hoxe dous grandes universitarios. Xa eran un pouco nosos, pero hoxe facémolos doutores honoris causa porque queremos facelos máis nosos, agradecerlles e recoñecerlles o seu  traballo e incorporalos como merecen á nosa identidade universitaria.

Profesores Uzzell e Orts: grazas por aceptaren o nomeamento. Grazas polas súas leccións de hoxe. Grazas polo exercicio do seu maxisterio nas aulas e polas súas achegas científicas a prol dun mundo mellor.

Máis nada. Sentímonos moi honrados por contar coa asistencia de todas e de todos vostedes a este acto académico, ao que o Coro Universitario vai poñerlle deseguido o broche musical.

Moitas grazas”.

 

David Uzzell é psicólogo social e xeógrafo, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Surrey, Reino Unido. Lidera un Grupo de Investigación en Psicoloxía Ambiental, actualmente é Profesor Visitante da Universidade de Umeå (Suecia). Foi Presidente da sociedade científica International Association for People-Environment Studies, así como representante da British Psychological Society na European Federation of Associations of Psychology.

A súa investigación inicial desenvolveuse na participación pública no proceso de planificación urbanística. Un segundo núcleo de contribucións teóricas tense centrado na conciencia das persoas sobre as actitudes e comportamentos en resposta á situación e entornos de risco e na vida en condicións de incertidume. As áreas investigadas incluíron a delincuencia en zonas urbanas e a configuración do transporte, o risco e a seguridade nos entornos recreativos, a percepción e a preocupación polo risco en contextos mineiros e enerxéticos. Un terceiro núcleo examinou o papel da identidade social e de lugar como unha variable que afecta ao fomento da acción ambiental.

Desde a dirección do Máster de psicoloxía ambiental na Universidade de Surrey, único en Europa, e do programa de doutoramento en psicoloxía aplicada, formou a xeracións de estudantes procedentes de máis de 40 países do mundo, tamén a investigadores da Universidade da Coruña que realizaron estadías de investigación no Departamento de Psicoloxía da Universidade de Surrey.

A relación do profesor David coa Universidade da Coruña comezou hai 22 anos, cunha visita á Facultade de Ciencias da Educación para impartir una conferencia. Desde entón, e durante todos estes anos veu colaborando con investigadores do Departamento de Psicoloxía da UDC, en investigación nacional e transnacional, sendo un asiduo visitante da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

No período 2002-2005, e tras o afondimento do petroleiro Prestige colaborou coa investigación sobre o desastre do Prestige, coordinada polo Prof. Ricardo García Mira, integrándose no dispositivo de resposta á traxedia constituído na Reitoría da Universidade da Coruña e coordinado desde a Vicerreitoría de Investigación. No período 2006-2007 colaborou tamén con este grupo de investigación na Comisión de Comunicación Social, creada para analizar o impacto social dos incendios de 1996 en Galicia, coordinada polo Profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, e constituída no ámbito do Consello da Cultura Galega.

Enrique Orts Berenguer é na actualidade catedrático emérito de Dereito Penal da Facultade de Dereito da Universidade de Valencia. Foi o primeiro decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, logo da segregación da Universidade de Santiago de Compostela.

Antes do seu traslado á UDC, foi vicedecano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de director da Escola de Práctica Xurídica desta universidade. Despois do seu paso pola UDC, de volta á Universidade de Valencia onde se formou, ocupou os cargos de director do Departamento de Dereito Penal, Dereito Romano e Dereito Eclesiástico do Estado e de Director do Instituto de Criminoloxía, sendo, na actualidade membro do Comité de Bioética asistencial no Hospital Clínico Universitario de Valencia.

Toda a súa vida académica estivo dedicada en exclusiva á docencia e á investigación, en Dereito Penal pero tamén na disciplina de Criminoloxía, nas tres universidades coas que estivo vinculado: Valencia, USC e UDC.A súa actividade docente tivo unha parántese de dous anos ao ocupar a praza de Letrado do Tribunal Constitucional. O labor do profesor Orts na Universidade da Coruña, ata o seu regreso á Universidade de Valencia, foi decisiva para sentar as bases da Facultade de Dereito coruñesa; non só se ocupou de dirixir a actividade docente e investigadora senón que estableceu vínculos coa xudicatura, a fiscalía e o Colexio de Avogados da Coruña.

A estreita vinculación con Galicia do profesor Orts mantívose tras o seu regreso a Valencia como voceiro do Consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública da Xunta de Galicia e como avaliador externo da excelencia curricular docente e investigadora no ámbito xurídico-social, formando parte do Comité de asesores expertos da Axencia para a Calidade so Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Segue asistindo con regularidade como profesor invitado nas tres universidades galegas, así como noutras institucións galegas como os diferentes Colexios de Avogados de Galicia, a Academia Galega de Seguridade Pública ou a Escola Galega de Administración Pública.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC