A Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da Universidade da Coruña celebrou o pasado venres 28 de novembro o "Encontro UDC Conecta con clústeres galegos", unha nova iniciativa dirixida aos principais axentes sectoriais do ecosistema produtivo. O evento, presidido polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas Agudo, tivo lugar no Edificio de Servizos Centrais de Investigación (ESCI) do Campus de Elviña.
Esta sesión enmarcouse no programa UDC Conecta, que busca fortalecer as relacións entre a universidade e o tecido produtivo. O obxectivo deste encontro foi abrir un espazo de diálogo directo cos clústeres galegos, recoñecidos como axentes xeradores de valor pola súa capacidade mediadora entre empresas, administracións e entidades innovadoras.
Participaron neste evento representantes dos clústeres galegos, representantes da UDC nos clústeres galegos, representantes do IGAPE, representantes dos centros de investigación da UDC, de centros interuniversitarios, de áreas de ciencias sociais e humanidades, campus industrial de Ferrol, INIBIC, RedCIDI e os Servizos de Apoio á Investigación.
Ao longo da mañá, os asistentes coñeceron as principais capacidades, recursos e mecanismos de colaboración da UDC, presentados por José Anta Álvarez, Adxunto de Transferencia, así como a folla de ruta da iniciativa prevista para o ano 2026 de “UDC Conecta con clústeres galegos”, exposta por María Isabel Docampo Ramos, directora da OTC. A sesión incluíu tamén un coloquio centrado na identificación de retos e necesidades comúns, nun ambiente orientado á xeración de ideas e oportunidades de colaboración.
O encontro concluíu cun café networking, que favoreceu o intercambio entre representantes da UDC e das distintas organizacións participantes, reforzando a vontade compartida de avanzar en proxectos conxuntos con impacto no territorio.
Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento