A Facultade de Humanidades e Documentación acolle mañá a Ferrol Fashion Premier da man do alumnado de Xestión Industrial da Moda

Nota de prensa
12/12/19 14:29
  • Institucional

Ferrol, 12 de decembro de 2019.- Os estudantes do primeiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda (GXIM) presentan mañá, venres 13 de decembro, a partires das 15:30 horas, na Facultade de Humanidades e Documentación, os traballos realizados ao longo do cuadrimestre nas materias de Fundamentals of Fashion Designs - impartida integramente en inglés – e de Historia da Arte e da Moda. Repartidos en 14 grupos, os preto de 60 estudantes do grao levarán a cabo unha serie de performances nas que se converterán en deseñadores e deseñadoras de vestiario e atrezzo dunha gran produción cinematográfica. Ao longo destes últimos meses, cada grupo traballou na súa propia superprodución ambientada, iso si, en épocas históricas distintas.

Os profesores da asignatura de Fundamentals of Fashion Designs, Zaida García Requejo e Enrique Manuel Blanco Lorenzo, e as profesoras de Historia da Arte e da Moda, María Elvira Lezcano González e Rosa Martín Vaquero, bautizaron o evento como Ferrol Fashion Premier. Esta non é a primeira vez que poñen en marcha un proxecto coma este na facultade. De feito, o curso pasado promoveron a Ferrol Fashion Show, un evento no que os estudantes realizaron tamén varias performances. Por aquel entón, o alumnado simulou traballar nunha pequena empresa de moda galega que debía deseñar unha colección de roupa inspirada en distintas etapas da nosa historia. 

 

Fotos: Alumnado do Grao en Xestión Industrial durante as performances da Ferrol Fashion Show que tivo lugar na Facultade de Humanidades e Documentacion en decembro de 2018.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC