A Coruña, 22 de novembro de 2025.- A Coruña celebrará do 26 ao 29 de novembro de 2025 a II Semana da Paleontoloxía, unha iniciativa organizada polo Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e o Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) da Universidade da Coruña. O evento conta coa colaboración do CITEEC, os Museos Científicos Coruñeses, a Asociación de Divulgación Científica UDC Big Bang, o Concello da Coruña e o Bar Árnica, que volverá a converterse nun dos espazos destacados da divulgación científica na cidade.
Durante catro días, a paleontoloxía sairá dos laboratorios para atoparse co público a través dun programa que combina charlas, cinema científico e actividades familiares, consolidando unha proposta que o ano pasado tivo unha excelente acollida e que aspira a converterse nunha cita anual de referencia.
Programa de actividades
A II Semana da Paleontoloxía dará comezo os días 26 e 27 de novembro, con dúas tardes de divulgación no Bar Árnica, de 20:00 a 21:00 horas. O local converterase de novo nun punto de encontro entre ciencia e cidade, acollendo catro relatorios breves e accesibles para todos os públicos. Na primeira xornada intervirán Gloria González Fortes, quen ofrecerá a charla “Paleoxenómica: unha viaxe ao pasado a través do ADN”; e Alejandro Blanco Calvo, que presentará “Cando os crocodilos dominaban Europa”. O xoves será a quenda de Ángela Delgado Buscalioni, con “Planeando sobre a orixe das aves”; e de Luisa Santos Fidalgo, que falará sobre “Pole fósil: o influencer do clima”. Ambas sesións manterán o mesmo formato dinámico e próximo que caracterizou a primeira edición do evento.
O venres 28 de novembro, a programación trasládase á Domus para unha sesión especial de cinema científico, en horario de 18:00 a 21:00 horas. Proxectarase a película 2012, que será presentada e comentada pola paleontóloga Penélope Cruzado-Caballero. Tras ela, abrirase un coloquio dedicado ao cambio climático e aos eventos de extinción masiva, no que o público poderá dialogar directamente coa especialista.
A xornada do sábado 29 de novembro estará dedicada ó público infantil. A Domus acollerá ás 11:30 horas a proxección da película de animación Ice Age 2: O desxeo, unha proposta pensada para público infantil e familiar que permitirá introducir os conceptos de clima, evolución e adaptación de especies dun modo entretido. Paralelamente, entre as 12:00 e as 14:00 horas, celebraranse diversos obradoiros de paleontoloxía coordinados pola asociación UDC Big Bang e por alumnado da Facultade de Ciencias da UDC, nos que nenos e nenas poderán manipular fósiles, reconstruír paisaxes prehistóricas e aprender xogando.
Esta combinación de charlas, cinema e actividades prácticas pon de relevo a vontade dos organizadores de crear un espazo onde a ciencia se viva en primeira persoa, fomentando o interese pola paleontoloxía e reforzando os lazos entre universidade, cidade e cidadanía.
Este programa celébrase co apoio da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, que financia ao CICA como parte da súa rede de centros de excelencia do sistema universitario galego.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC