Myriam Goluboff Scheps

17/12/2025

 

Myriam Goluboff Scheps (Bos Aires, 1935) representa unha das voces máis singulares da arquitectura contemporánea en Galicia. A súa traxectoria profesional, docente, investigadora, literaria e activista, destaca por unha coherencia profunda e por unha aposta decidida por ter un mundo mellor. Formada na Universidade de Bos Aires, onde xa amosou unha vocación investigadora temperá, desenvolveu os seus primeiros traballos en Arxentina antes de chegar a Galicia nos anos 70.

A súa obra arquitectónica, precisa e sensible, anticipou debates que hoxe consideramos centrais: a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade universal, o deseño centrado nas persoas, e a integración co entorno. Proxectos como o restaurante da AP-9 na área de servicio de San Simón, as piscinas descubertas para a Deputación da Coruña, ralizadas en concellos como Laxe, Moeche, Cesuras, etc., exemplifican unha arquitectura funcional, respectuosa e comprometida coa calidade de vida, realizadas en madeira e con un deseño que introduce a cor e unha composición de gran beleza.

No ámbito da vivenda, Myriam Goluboff realizou achegas pioneiras á arquitectura bioclimática a través de proxectos experimentais e de investigación nos que explorou a adaptación da arquitectura ao clima e aos recursos naturais. Destacan as súas propostas de vivenda bioclimática para Ourense e Tenerife, nas que desenvolveu estratexias pasivas de aproveitamento solar, ventilación natural, inercia térmica e uso de materiais locais, anticipando enfoques hoxe plenamente vixentes. Estes principios tamén se trasladan a obra construída, como a vivenda en A Pobra do Caramiñal, onde a atención ao confort ambiental, á luz, á orientación e á relación co exterior reflicte unha maneira de habitar consciente, sostible e profundamente ligada ao lugar.

A súa achega investigadora é ampla e decisiva. A súa produción teórica é extensa e en gran parte inédita, abordando temas como a percepción do espazo urbano, a rehabilitación ambiental, a arquitectura bioclimática e a accesibilidade. Participou activamente na construción da normativa galega de accesibilidade (1992), elaborou estudos pioneiros sobre mobilidade peonil e vivenda accesible, e presentou múltiples traballos en congresos internacionais.

Formou parte do Grupo de Investigación Persoa Ambiente dende os seus inicios no ano 2000, realizando investigacións pioneiras sobre como o medio de transporte ao colexio condiciona a percepción do espazo urbano na infancia, e salientando a importancia de deseñar contornos que favorezan o seu desenvolvemento cognitivo e emocional.

Na ETSAC, onde foi docente da área de Proxectos Arquitectónicos durante máis de 30 anos, deixou unha forte pegada cun enfoque pedagóxico innovador baseado na relación entre arquitectura, medioambiente, saúde e benestar. Impulsou materias como Arquitectura e ambiente e introduciu reflexións sobre cor, percepción e sustentabilidade que influíron en xeracións de estudantes. Forma parte do grupo de arquitectas pioneiras en Galicia, cuxas contribucións foron con frecuencia invisibilizadas polos marcos disciplinares da época. Parte da súa obra está tamén visible no mapa interactivo MuWo - Mujeres en la cultura arquitectónica (pos)moderna española (1965-2000).

Myriam desenvolve tamén unha importante faceta literaria a través de Cidades imposibles, obra que combina memoria persoal e análise crítica da cidade, ademáis de outras novelas e relatos máis intimistas e de ciencia ficción.

Ademais, como coordinadora dos Diálogos do Atlántico, promove unha rede de máis de 40 arquitectas galegas, fortalecendo o pensamento feminista e interxeracional dentro da profesión.

Pola súa entrega á arquitectura e ao medio ambiente, pola defensa da igualdade e da accesibilidade universal, pola súa sensibilidade social e polo seu compromiso coa transmisión do coñecemento, Myriam Goluboff Scheps constitúe unha referencia imprescindible para a comunidade da ETSAC e un exemplo de arquitectura ética e transformadora. No seu 90 aniversario, a escola recoñeceu que o seu legado perdura como unha obra sólida e discreta, construída co tempo e guiada por un compromiso que segue orientando o noso camiño.

 

Para saber máis: https://myriamgoluboff.wordpress.com/

 

 

Cristina García Fontán