Cátedra Emalcsa

emalcsa_logo


A creación da Cátedra EMALCSA supón para a Universidade da Coruña unha gran oportunidade de amosar as súas capacidades e fortalezas no ámbito da xestión sustentable do recurso auga nos tres ámbitos nos que se apoia: ambiental, social e económico. Polo tanto supón unha oportunidade para levar á práctica, de facer achegar aos cidadáns a través de EMALCSA, os avances científicos e tecnolóxicos desenvolvidos polos diferentes equipos de investigación da UDC.

Dende a visión da sustentabilidade, os eixos crave de colaboración entre EMALCSA-UDC son o avance na definición de estratexias e metodoloxías para a aplicación dos principios da xestión integrada do recurso auga no sistema de auga urbana en diferentes contextos xeográficos, sociais e económicos.

Un ámbito de actividade moi importante da Cátedra será o deseño e desenvolvemento de actividades de formación, divulgación, transferencia e investigación no ámbito da xestión sustentable da auga urbana.

Potenciaranse actividades de formación e divulgación, como a colaboración en estudos de posgrao, en programas de formación permanente, no patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, na organización de conferencias, seminarios e obradoiros, na realización de xornadas de divulgación científica, tecnolóxica e artística, na elaboración de publicacións, etc.

Tamén se potenciarán as actividades de transferencia e de investigación, apoiando e desenvolvendo liñas de investigación conxunta, cooperando para lograr proxectos de investigación; apoiando a realización de teses de doutoramento e de traballos de fin de mestrado e de grao, e promocionando encontros e redes. Neste eido terán grande importancia as iniciativas de colaboración entre EMALCSA e outros concellos no desenvolvemento conxunto da sustentabilidade no eido da auga urbana.

A idea é converter A Coruña nun polo de coñecemento que outras administracións e institucións vexan coma referente para a mellora do seu desempeño, axudándonos ao mesmo tempo a acadar a dimensión e a importancia a través da colaboración e o entendemento. Resolvendo outros problemas e retos todos aprenderemos a sermos máis e mellores.

Contacto

Director: Joaquín Suarez López


I Seminario Cátedra EMALCSA-UDC

Novos retos na xestión de masas de augua: lagos e encoros. O plan GLEON “Abegondo-Cecebre”

  • Día: 31 de maio
  • Lugar: CITEEC