SEINFE

Área de Servizos de Información e Xestión de Indicadores

A Área de Servizos de Información e Xestión de Indicadores ten como función prioritaria responder as continuas solicitudes de datos estatísticos e demanda de información dos distintos aspectos desta universidade, procedente dos membros da comunidade universitaria, das distintas institucións públicas e da sociedade en xeral.

Deste xeito amósase coma a canle adecuada para recoller toda a información e os datos xerados pola universidade e, despois do tratamento e informatización destes, establecer un Sistema de Información Global que, utilizando as novas tecnoloxías da información e as comunicacións, permita ofrecer de maneira áxil unha panorámica xeral completa, sinxela e permanentemente actualizada da UDC.

Outra das funcións máis salientables do Seinfe é a referida á web institucional da UDC, xa que se ocupa da publicación dos seus contidos corporativos. Entre as súas tarefas está ademais a de proporcionar acceso ao xestor corporativo OpenCms para a creación de portais web de órganos ou entidades pertencentes á universidade, dando soporte tanto na elaboración de webs aloxadas como do propio xestor corporativo OpenCms.

O grupo de desenvolvemento analiza e implementa sóftware para a integración e visualización de información corporativa transversal a toda a UDC, que inclúe o desenvolvemento de servizos de información (servizos web) de orixes de datos corporativos, servizos de integración con fontes de administracións públicas, aplicacións de xestión como apoio a outras áreas dos SIC e creación de portais de información corporativos.

Por último, o Seinfe é o encargado de dar soporte informático para á emisión da tarxeta universitaria.

Contacto

Área de Servizos de Información e Xestión de Indicadores

Edificio Xoana Capdevielle, 2.º andar
Campus de Elviña
15008 A Coruña