Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización

Os edificios e instalacións da Universidade da Coruña, que teñen por obxecto acoller as funcións docentes, investigadoras e de prestación de servizos á comunidade universitaria, atópanse nun estado de conservación deficiente, por mor da falta de investimentos en suficiente contía para o seu axeitado mantemento dende a crise económica de 2008. Seguindo os principios de sustentabilidade, aforro e eficiencia, no ano 2024 empezouse a traballar nun Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH), co fin de orientar os fondos propios, e os captados a través de convenios específicos con administracións autonómicas,  provinciais e locais, cara investimentos que poñan en valor o patrimonio construído xa existente, cunha superficie de máis de 350.000 m2 distribuídos en case 60 edificios.

O Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización ten como obxectivo establecer unha planificación estratéxica para optimizar os investimentos en infraestruturas dos recursos dispoñibles. Partirá dunha diagnose da situación actual das infraestruturas e concrétase no establecemento de tres liñas prioritarias de actuación nos edificios do Campus da Coruña e do Campus de Ferrol: Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización, como o seu propio nome indica.

Dentro do plan prevense intervencións de pequena entidade, pero gran impacto no estado de conservación dos centros, xunto con obras significativas de rehabilitación nos edificios que precisan un enfoque máis integral ou grandes investimentos.

A orde de intervención segue criterios estritamente técnicos atendendo ao grao de perentoriedade co obxecto de manter os edificios en condicións axeitadas para a realización de actividades de docencia e investigación propias dos mesmos, optimización de recursos e aforros de consumos.

Mentres se licita o diagnóstico integral, que permitirá establecer a orde de intervención de xeito rigoroso, as prioridades establecéronse dende a dilatada experiencia e o profundo coñecemento do estado dos edificios por parte dos técnicos do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos.

Ademais, ao longo deste período, a área de Infraestruturas da UDC dedicou unha parte significativa dos seus esforzos ás intervencións promovidas na Cidade das TIC.

 

Rehabilitación

Mellora Enerxética

Humanización