Onte, 12 de marzo, celebrouse no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) a primeira sesión do ciclo de visitas organizado pola Oficina de Transferencia de Coñecemento da Universidade da Coruña no marco do programa UDC Conecta.
Esta iniciativa ten como obxectivo achegar ás empresas e entidades do ecosistema produtivo galego as capacidades científico-tecnolóxicas da UDC, favorecendo o coñecemento directo das liñas de investigación dos seus centros e explorando novas oportunidades de colaboración.
Na visita participaron representantes dos clústeres Bioga, Clúster Saúde de Galicia e Clúster Agroforestal de Galicia, así como de distintas entidades vinculadas ao ecosistema dos propios clústeres, entre elas 91 grados, CETIM, Fundación OPTI, Russula e Sogarisa.
Durante a xornada, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do CICA e algunhas das súas principais liñas de investigación, nun encontro que combinou presentacións científicas cun espazo de networking orientado a identificar posibles vías de colaboración entre a universidade e o tecido empresarial.
O ciclo de visitas continuará nas próximas semanas con encontros no CITEEC (24 de marzo), CITENI (8 de abril) e CITIC (24 de abril), finalizando cunha sesión dedicada ao Servizo de Apoio á Investigación (SAI) o 14 de maio.
Estas actividades forman parte da folla de ruta de colaboración establecida entre a Universidade da Coruña e os clústeres galegos no marco do programa UDC Conecta, unha iniciativa orientada a impulsar a transferencia de coñecemento e a fortalecer a relación entre a universidade e os sectores produtivos.
A noticia institucional desta visita pode consultarse aquí.
Published by: Oficina de Transferencia de Coñecemento