Unha investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Premio Fin de Carreira da Xunta pola súa excelencia académica

Press release

8/7/24 12:39 PM

  • Institutional

A Coruña, 7 de agosto de 2024.- Ana Xiang Ning Pereira Ezquerro, nova investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), foi unha dos 106 universitarios galegos aos que a Xunta lle outorgou os Premios Fin de Carreira este 2024.  Aos seus 23 anos, Pereira Ezquerro foi recoñecida polo seu sobresaliente expediente académico, que inclúe quince matrículas de honra, e destácase como unha das mellores graduadas da primeira promoción do Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña.

Actualmente, Ana Xiang Ning está a cursar un Máster en Intelixencia Artificial e compaxina os seus estudos co seu traballo como investigadora, que se centra en desenvolver algoritmos avanzados para interpretar e procesar texto escrito por persoas, unha tarefa que vai máis aló dos modelos matemáticos tradicionais e require técnicas adaptadas ao razoamento humano.

Nas súas propias palabras, Pereira Ezquerro explica a importancia do seu campo: “Cada vez hai máis datos que tratar, e a automatización do procesamento é crucial para extraer información valiosa que poida guiar a toma de decisións empresariais ou detectar potenciais perigos. A miña carreira baséase en procesar grandes volumes de datos e xerar modelos preditivos que, por exemplo, poidan estimar as vendas futuras dunha empresa”.

O Premio Fin de Carrera da Xunta, que recoñece aos mellores expedientes académicos do ano, outorga a cada galardoado unha achega económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo. Este ano, un total de 106 universitarios foron premiados pola súa excelencia académica, un 62% dos cales foron mulleres. Destes premios, 19 foron para estudantes da Universidade da Coruña, destacando en distintas titulacións como Enxeñaría Informática ou Dereito.

Ana Xiang Ning, quen ademais da súa brillante traxectoria académica combinou os seus estudos co traballo e a práctica profesional, menciona que a súa dedicación ao estudo foi intensa: “No último ano do grao, a combinación de clases, prácticas e o traballo no TFG levábame a dedicar case todo o día aos meus estudos. É un sacrificio, pero a miña paixón pola Enxeñaría de Datos impulsoume a seguir adiante”.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC