Un investigador do equipo do bosón de Higgs abre o ciclo “Café con Ciencia” que organizan o Campus de Ferrol e Ártabro Tech no Casino Ferrolán

Press release
1/31/19 1:55 PM
  • Institutional

Ferrol, 31 de xaneiro de 2019.- A presidenta do Casino, Susana Martínez Galdós; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e o director técnico da empresa Ártabro Tech, Alejandro Casteleiro, presentaron esta mañá na Sala de Conversas do Casino Ferrolán o novo ciclo de conferencias “Café con Ciencia”, que por primeira vez abre este emblemático espazo da súa sede na rúa Real a unha actividade deste tipo. O programa estará composto por seis charlas, unha cada dous meses, a partir do vindeiro 7 de febreiro.

A presidenta do Casino, Susana Martínez Galdós, lembrou na súa intervención a importancia dos frescos que decoran a Sala de Conversas, pintados polo artista Felipe Bello Piñeiro arredor de 1925, e invitou ao público ferrolán a asistir ao ciclo e coñecer estas instalacións. “Estamos na sala máis importante do Casino Ferrolán e queremos abrila ao público”, explicou.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Araceli Torres, subliñou que estas conferencias son unha oportunidade para cumprir un dos obxectivos primordiais da universidade, que é compartir o coñecemento coa sociedade. Destacou, neste sentido, que os relatores serán persoas formadas en universidades españolas e que están en grupos de investigación ou ocupando postos vencellados á innovación en empresas, moitos deles no exterior. “Temos un bo sistema universitario e as persoas que van participar no ciclo son un exemplo disto”, comentou. Animou ao público ferrolán e en particular á xente moza a asistir ás conferencias, como unha forma de achegarse tamén á universidade, e agradeceu a iniciativa de Ártabro Tech e a boa disposición do Casino para colaborar.

Pola súa banda, Alejandro Casteleiro, director técnico de Ártabro Tech, agradeceu a acollida do Casino Ferrolán, por parte do anterior presidente Lesi Seijo e tamén da actual, Susana Galdós, e da Universidade da Coruña, onde a vicerreitora Araceli Torres abrazou desde o primeiro momento a proposta de participar na organización dun ciclo destas características. Casteleiro reivindicou a potencialidade do Campus Industrial de Ferrol e explicou que a súa presenza na cidade é determinante para que empresas como a súa estean nesta cidade. “Somos unha empresa de base tecnolóxica que aposta por Ferrol e pola atracción de talento -dixo- e tamén a proba de que desde aquí se poden facer moitas cousas, porque o noso principal cliente é unha multinacional con sede en Londres”.

 

Programa “Café con Ciencia”

Seis conferencias, unha cada dous meses, comporán o ciclo “Café con Ciencia”. Os relatores serán profesionais destacados do eido científico e tecnolóxico e as súas intervencións terán un ton divulgativo. A finalidade última será explicar o impacto positivo que a investigación básica ou aplicada, en cada un dos seus ámbitos de traballo, ten na vida cotiá e no avance, en xeral, da sociedade.

A primeira conferencia correrá a cargo de Miguel Vidal Maroño, responsable de Machine Learning na startup Ártabro Tech. É doutor en Física de Partículas pola Universidade Complutense de Madrid e licenciado en Física pola USC. Desenvolveu o seu traballo doutoral no Fermilab, en Chicago, onde está o segundo acelerador de partículas máis potente do mundo, e despois pasou ao primeiro, no CERN (Xenebra), para integrarse no equipo de investigación do bosón de Higgs. Formou parte, por tanto, do equipo científico que descubriu a chamada “partícula de Deus” e que mereceu o premio Nobel de Física no ano 2013. En outubro pasado Miguel Vidal regresou á súa cidade natal, Ferrol, para integrarse na empresa Ártabro Tech e aplicar os seus coñecementos no desenvolvemento de solucións de Intelixencia Artificial.

Os organizadores do ciclo adiantaron tamén os relatores das dúas seguintes conferencias do ciclo “Café con Ciencia”. No mes de abril estará na Sala de Conversas do Casino Covadonga Astorga Lloréns, doutora en Química pola Universidad de Oviedo e, desde o 2002, investigadora da Dirección de Enerxía, Transporte e Clima do Centro Común de Investigación da Comisión Europea. Como líder do grupo de investigación sobre emisións non reguladas de vehículos, os seus traballos sirven de soporte fundamental para a elaboración de políticas da UE.

En xuño, o relator será Carlos de la Cruz García, doutor en Química Analítica e Nutrición e licenciado en Farmacia pola USC. A súa traxectoria como investigador, en diferentes centros de España, Francia e Estados Unidos, está ligada ao tema da seguridade dos materiais en contacto cos alimentos. No mundo da empresa, aplicou os seus coñecementos primeiro en diferentes divisións da multinacional Nestlé e desde 2014 é responsable de Regulación e Asuntos Cienfíticos de Nespresso, na súa sede en Suiza.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC