Un estudo da UDC cuestiona a eficacia das trampas utilizadas contra a avespa asiática en viñedos

Press release

9/9/25 10:30 AM

  • Institutional
  • A investigación conclúe que as trampas actuais teñen moi baixa eficacia e capturan moitos outros insectos beneficiosos

 

A Coruña, 9 de setembro de 2025.- Un novo estudo realizado por persoal investigador da UDC (Yaiza R. Lueje, Amalia Jácome, Jaime Fagúndez e María José Servia) ven de analizar as trampas utilizadas contra a avespa asiática en viñedos. Os resultados veñen de ser publicados na revista Pest Management Science. Así, entre outras conclusións, amosan que o dano da avespa asiática nos viñedos é un problema complexo con múltiples factores que condicionan ese dano, e que as trampas actuais teñen moi baixa eficacia e capturan moitos outros insectos beneficiosos.

 

O estudio, realizado dentro do marco do proxecto “‘Viño e froita” -enmarcado no programa de cooperación Leader-, incluíu un estudo  exhaustivo en viñedos de dúas zonas de Galicia, en Betanzos e no Condado do Tea, para determinar se as trampas realmente reducían o dano causado pola avespa asiática nas uvas. Así, os resultados lanzan nova luz sobre a efectividade destas trampas en viñedos, suxerindo que non son útiles e que, ademais, capturan a moitos outros insectos beneficiosos.

 

Tamén analizaron como as características das trampas e dos propios viñedos influían na captura das citadas avespas e doutras especies de insectos. Este punto é crucial, xa que moitos destes insectos capturados incidentalmente son vitais para o equilibrio dos nosos ecosistemas, incluíndo polinizadores e controladores naturais de pragas.

 

Os resultados conclúen que non hai evidencia de que o uso de trampas reduza o dano nos viñedos, mesmo cando se duplicaba ou triplicaba a cantidade de trampas. Isto suxire que, a pesar da súa popularidade, esta técnica non está a protexer eficazmente as colleitas de uva.

 

Por iso, o uso de trampas non é recomendable no estado actual de coñecemento, xa que ningún modelo dispoñible é totalmente selectivo. Ademais, aínda que trampear xusto antes da colleita pode ser máis selectivo e menos daniño para os insectos nativos, os resultados demostran que as trampas non son unha solución eficaz para reducir os danos nas uvas.

 

Por iso, os autores desta investigación salientan a importancia de seguir investigando e desenvolvendo métodos de xestión e protección de cultivos que sexan máis sostibles e efectivos, co fin de garantir o futuro da produción vitivinícola nas zonas máis afectadas por esta especie invasora, sen comprometer a conservación doutros insectos nativos e o ecosistema no seu conxunto.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC