A Coruña, 20 de febreiro de 2025.- O Laboratorio de Investigación de Sistemas para a Transición Enerxética, LISTE -Resonac, acaba de abrir as súas portas de maneira oficial no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC. As instalacións, enmarcadas no ámbito da Cátedra Resonac-UDC Sparking Truth, foron inauguradas esta mañá polo reitor da UDC, Ricardo Cao; e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego. Un acto no que tamén participaron o director xeral de Operacións de Resonac Graphite Spain, Pablo Rifón; o director do CICA, Jaime Rodríguez; e o director e codirectora da cátedra, Israel Temprano e Alba Tuñas, respectivamente; así como outros integrantes da cátedra.
A creación do laboratorio LISTE-Resonac, que contou con financiamento de Resonac Graphite Spain, permitirá acelerar a implantación de tecnoloxías que utilicen fontes limpas e renovables para a xeración, o almacenamento e a transformación de enerxía, e impulsar a evolución das baterías utilizadas en vehículos eléctricos, a través da investigación de materiais como o grafito, compoñente esencial dos ánodos de baterías de vehículos eléctricos. Pablo Rifón asegurou durante o acto que confía “en que a posta en marcha deste laboratorio axude a que o proxecto de baterías para coches eléctricos logre avances fundamentais que o convertan nunha peza clave para o desenvolvemento da mobilidade sostible do futuro”.
O reitor destacou a importancia de iniciativas como a posta en marcha deste laboratorio que son -dixo- “o resultado da unión e o traballo conxunto entre a investigación e ciencia e a empresa, neste caso Resonac. Unha unión que conta, ademais, cun factor engadido, o facelo no ámbito da transición enerxética, unha liña de traballo imprescindible para seguir avanzando na descarbonización e na redución de emisións”.
“Coas técnicas que desenvolvemos en LISTE podemos estudar os procesos que ocorren dentro das celas, como baterías, mentres que están a funcionar e observar diferenzas de comportamento moito máis rapidamente que con métodos tradicionais. E isto permítenos optimizar estas tecnoloxías dunha maneira moito máis rápida”, sinalou Israel Temprano. Alba Tuñas, pola súa banda, destacou que o grafito “é o compoñente que se atopa en maior volume na batería, e xoga, ademais, un papel crucial na carga rápida dun vehículo. O desenvolvemento do noso produto será determinante para que, nun futuro próximo, podamos cargar os nosos coches en menos de 10 minutos”.
Os asistentes tiveron ocasión de coñecer de primeira man o labor que se vai a levar a cabo no laboratorio antes de realizar unha visita guiada polas instalacións. Cun enfoque na innovación e a sustentabilidade, o laboratorio será o espazo de traballo do Grupo de investigación LISTE, que se propón acelerar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que impulsen a transición enerxética. Entre os seus ámbitos de traballo haberá procesos electroquímicos para a implantación de tecnoloxías que usan fontes renovables para a súa xeración (fotovoltaica), almacenamento (baterías e supercondensadores) e transformación (captura de carbono e xeración de hidróxeno). Un dos seus principais retos será investigar os distintos tipos de batería para melloralas, de forma que duren máis e reduzan o seu impacto ambiental.
Sinerxías entre ambas as dúas organizacións
A Cátedra Resonac-UDC Sparking Truth permitirá a ambas as organizacións establecer sinerxías e áreas de colaboración centradas no proxecto piloto que Resonac Graphite Spain está a levar a cabo para a produción de grafito para ánodos de baterías de coches eléctricos. Esta iniciativa innovadora, que se atopa nestes momentos en fase de adecuación das instalacións, de darse as condicións económicas necesarias, podería conducir ao desenvolvemento dun proceso de produción máis sostible deste material, reducindo significativamente as emisións asociadas á fabricación de baterías.
Tras un investimento inicial de 10 millóns de euros, este proxecto piloto constitúe un obxectivo prioritario para avanzar nos seus esforzos en promover unha mobilidade sostible real, e avanzar no desenvolvemento do seu programa de sustentabilidade, Sparking Truth.
Catro proxectos universitarios
O acto tamén serviu para presentar aos catro alumnos da UDC que actualmente están a desenvolver as súas TFG no Grupo LISTE (Lucía Ledo López, Carlota Sánchez Martínez, Noé Añón Lema, Xabier Rivera Crespo e o investigador postdoutoral Margarita Salas Daniel Rodríguez Ramos) e que usarán o laboratorio LISTE-Resonac como base de operacións para realizar experimentos e investigacións.
Esta cátedra supón unha mostra máis de que a colaboración entre os sectores público e privado e entre universidade e industria é esencial para fomentar a innovación na transición enerxética. Resonac contribúe cun investimento económico ao laboratorio LISTE-Resonac, impulsando a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías para a mobilidade eléctrica e promovendo a transferencia de coñecemento universidade-empresa a través de proxectos de aprendizaxe-servizo e actividades divulgativas e o desenvolvemento e acceso ao talento universitario.
Tanto a Cátedra como o laboratorio están dirixidos por Israel Temprano, investigador licenciado en Química pola UDC e doutor en Química pola Universidade Laval de Québec (Canadá). Tras unha dilatada traxectoria na Universidade de Cambridge (Reino Unido), desde o ano pasado Temprano forma parte do CICA e a UDC. Así mesmo, a Cátedra está co-dirixida por Alba Tuñas, Battery Business Development Manager de Resonac.
Sobre Resonac Graphite
Resonac Graphite Business Unit é a empresa líder mundial no seu sector especializada na fabricación de eléctrodos de grafito. Unha firma con centros de produción en Europa, América e Asia. Baixo a premisa de tentar cambiar a sociedade a través do poder da química, o grupo do que forma parte esta unidade de negocio, a multinacional Resonac, aposta pola tecnoloxía e os servizos innovadores xunto a socios internos e externos. O seu obxectivo é seguir sendo unha compañía que contribúe ao desenvolvemento sostible da sociedade cos usos que esixe o noso tempo, e coa co-creación gravada no seu ADN.
Con máis de 25.000 empregados en todo o mundo e un capital de 1.000 millóns de euros, Resonac fabrica produtos que serven a unha ampla gama de campos que van desde os materiais semiconductores e electrónicos ata os produtos químicos. A empresa divídese en cinco unidades de negocio, entre os que se atopa o de grafito, e conta con máis de cen filiais e empresas asociadas.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC