Reunión do reitor e do seu equipo cos directores de Departamento

Press release

7/8/19 1:47 PM

  • Institutional

A Coruña, 8 de xullo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, así como o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente, Alberto Valderruten, mantiveron unha reunión cos directores de Departamento da UDC, nun encontro organizado polo reitor coa finalidade de compartir impresións sobre a actualidade universitaria.

Este encontro, realizado o pasado día 7 de xuño e que xa é habitual que suceda unha vez ao longo de cada curso académico, complementa as reunións que o reitor e o seu equipo realizan coa comunidade universitaria de cada un dos centros, nas que se explican os proxectos da Reitoría para a Universidade, polo que Abalde animou a entrar directamente no diálogo e falar sen preámbulos dos temas que preocupan aos directores dos departamentos.

Deste xeito, comezou o director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición amosando a inquietude existente neste departamento pola anunciada nova Lei de Universidades que afonda máis no perfil académico. “Isto é moi preocupante para nós porque temos moito profesorado cun perfil profesional, nunha carreira que ten un alto perfil técnico. O perfil académico é importante pero moito máis a bagaxe profesional”, explicou, engadindo que o perfil académico do PDI con papers, doutoramento, etc. “destroza a nosa profesión”. Esta preocupación é compartida tamén polo departamento de Enxeñaría Civil, segundo as súa directora quen asegurou que tamén se dá nas áreas de enxeñaría industrial e naval; así como tamén o destacaron desde o departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña.

Para o reitor, sen embargo, “é un problema de equilibrio”, vinculado á figura do profesor asociado. “Unha figura perfectamente recoñecida; é un profesor de recoñecido prestixio que vén temporalmente á universidade”. Na nova Lei haberá ese perfil de asociado porque é necesario, sobre todo, nas áreas de enxeñaría pero o PDI da universidade ten que ter “un perfil académico con prazas estables”. “As titulacións teñen que ter un plantel estable de profesorado cun perfil académico, con criterios científicos, publicacións, que poida promocionar, etc.; e unha parte de profesionais  de recoñecido prestixio que aporten, de forma temporal, a súa experiencia e complementen a parte académica”, opinou Abalde. “Son un fervente defensor do profesor asociado pero ten que ser asociado estritamente, temporal, e que traia aportacións profesionais á universidade, non poden cubrir unha praza de docencia académica”, defendeu alegando que na Universidade da Coruña non pasa o que noutras, xa que existe a figura do interino de substitución.

A directora do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas concordou con este plantexamento e pediu ver esta proposta da nova Lei ao que o reitor lle respondeu que non é pública aínda, e que só se coñecen algúns detalles que van transcendendo. O documento está elaborándose por un grupo de traballo da Crue co Ministerio e, segundo avanzou o reitor, prevé que haxa varias figuras docentes, como o profesor en formación, o profesor substituto interino ou o profesor visitante, así como unha definición do profesor asociado. O vicerreitor de Profesorado indicou que tamén inclúe unha dedicación docente de todas as figuras de PDI doutor de 240 horas, e de 320h. para figuras que non son doutores.

O departamento de Matemáticas confirmou que as convocatorias de axudantes doutor están ben ordenadas para a promoción de profesorado na UDC pero preguntou polas posibilidades existentes se unha área está interesada en traer a un profesor doutra universidade. En áreas deficitarias nas que non hai profesorado e se hai profesorado disposto a vir de fóra, con acreditación, a opción de entrada é interino de substitución a tempo completo, alegou o reitor, explicando que non se pode crear unha praza directamente porque “entre todos e as centrais sindicais nos demos unha forma de xestionar o profesorado”. “A entrada de profesorado na UDC é interino de substitución a tempo completo e aí temos que ser rigorosos”, insistiu o reitor e engadiu que o novo decreto contempla a creación da figura do profesor visitante.

O vicerreitor de Investigación engadiu tamén que se está a traballar coa Xunta nunhas prazas de retención e captación de talento, ademais da vía Beatriz Galindo e da InTalent, propia da UDC. O reitor aproveitou para pedir unha reflexión “cando queremos abrir vías de incorporación de profesorado de recoñecido prestixio que está fóra e atopámonos coa incomprensión dos representantes sindicais e dalgúns membros do Consello de Goberno; cando esas prazas non interfiren na dotación de profesorado, nin na docencia, nin na promoción”. “Se queremos reforzar e mellorar a nosa capacidade investigadora e docente con persoas externas cunha bagaxe importante, temos que ser capaces de potenciar o talento que temos dentro e tamén abrir unha vía para captar talento de fóra e que enriqueza á UDC”, pediu para engadir que “o estamos logrando” como demostran as recentes convocatorias de prazas así como as promocións a titulares e catedráticos.

O director de Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación preguntou pola aplicación dos descontos docentes, xa que no seu departamento están a pedilos varios profesores. O reitor explicoulle que na UDC, ao igual que no resto de universidades, os descontos só se aplican cando non hai necesidades de profesorado.

No departamento de Química quixeron saber como van quedar no novo decreto as figuras de contratados predoutorais que pasan a ser contratados en formación. Abalde recoñeceu que iso suporá un problema de organización porque non serán responsables de docencia senón que terán que estar cun profesor en aula. O vicerreitor de Profesorado confiou en que se poida manter o funcionamento dos bolseiros predoutorais porque non están restando horas de POD. Valderruten tamén avanzou que se está a negociar desde a Crue cos Ministerios a aplicación da norma que obriga a fichar; como se faría na universidade no caso dos profesores, se se debe fichar se se levan os exames a casa, se contan as asistencias a congresos... Na reunión explicouse que se dá por descontado que vai haber un control de docencia e de presenza, pero está por ver como se regula a parte de investigación. Quen controlaría os proxectos de investigación? Reitoría? O investigador principal? En caso de proxectos, quen pagaría as horas extras? Son moitos interrogantes que aínda non teñen resposta.

Outro dos temas que saíron no debate foi a posibilidade de coordinar coas outras universidades galegas as datas de matrícula, apertura de curso, etc, así como da valoración de profesorado doutros sistemas universitarios, como o caso dun contratado por proxecto que só se lle valora a docencia que permite o proxecto e non a que trae. Noutros sistemas, un contratado por proxecto pode dar docencia pero en Galicia, non.

A directora do departamento de Letras tamén quixo falar da contratación de profesorado, competencia esencial dos departamentos, e amosou a súa preocupación polo envellecemento do plantel e “aínda que se está traballando sobre iso, algunha das actuacións que se fan son figuras que non permiten facer a selección máis axeitada para que despois esas incorporacións sexan referentes na área”. As contratacións son por necesidades docentes, non hai un programa de contratación de axudantes que permitiría contratar persoas ao inicio da súa carreira profesional que tería unha traxectoria na universidade, lamentou. Tamén puxo sobre a mesa a necesidade de revisar normativas sobre os baremos de contratación. Con todo, dixo, a maior preocupación no seu departamento é o envellecemento do plantel de profesorado, no que coincidiu tamén o vicerreitor Valderruten. Nestes anos, explicou o vicerreitor, fíxose unha análise do profesorado para saber a foto fixa das áreas e coñecer o grao de envellecemento. “Con iso, incorporamos ese criterio ás convocatorias de novas prazas e esperemos que a proposta do Ministerio recolla respostas a esa demanda unánime no que respecta ás figuras profesionais e ás súas condicións”. O reitor apuntou a necesidade de ter unha vía que permita que a universidade poida decidir de forma obxectiva a dotación de profesorado en áreas cun maior proceso de envellecemento; que as necesidades docentes non sexan o único criterio.

A directora do departamento de Psicoloxía preguntou polos criterios para asociar os InTalent e Beatriz Galindo ás áreas de coñecemento ao que Naya respondeu que a UDC propón aos candidatos que estean de primeiros porque están avaliados por unha comisión externa e que, na súa opinión, a adscrición á área debería ser decisión da persoa que veña á praza segundo o seu perfil investigador.

A directora do departamento de Ciencias da Saúde preguntou á súa vez polo proceso de incorporación da Escola de Enfermaría á Universidade da Coruña. “No departamento estamos ben informados polo vicerreitor de Profesorado”, continuou pero quixo saber se había algunha novidade. O reitor asegurou que non había cambio ningún de momento. “É un título que se imparte en dous centros e as condicións da súa impartición en Ferrol terán que ser as mesmas para A Coruña”, engadiu. Sobre a situación de Turismo preguntou o director do departamento de Empresa, ao que o reitor respondeu tamén que se está á espera de resposta por parte da Xunta. “Dixemos que intentaríamos chegar para o próximo curso pero as posibilidades cada vez son menores porque a Xunta non contesta”, dixo.

Finalmente, a directora do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas tratou o tema da promoción do profesorado que, dixo, “pivota sobre os criterios da Aneca, e di que as universidades estimulen actividades investigadoras dos ámbitos emerxentes”. A Universidade da Coruña, explicou o reitor, está a facer un esforzo de apoio á investigación con fondos propios (900.000 euros/anuais) baseándose na avaliación ANEP; sobre os ámbitos emerxentes alegou que hoxe en día as fronteiras do coñecemento se dilúen e como exemplo puxo o caso dunha catedrática de Nueva York, titulada en Informática pola UDC, que investiga en temas de cancro.

Para rematar, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, animou aos directores de departamento a solicitar as bolsas de iniciación á investigación así como as bolsas de colaboración nos departamentos do Ministerio.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC