A Coruña, 4 de marzo e 2026
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) acolleu durante toda a fin de semana a 4ª edición do HackUDC, o maior hackathon de Galicia e o segundo máis grande de España. Esta nova edición, a máis grande ata o momento, centrouse en mellorar a experiencia do evento, con máis premios, máis persoas mentoras e maior número de actividades, acollendo a 450 estudantes de toda a península e case 500 asistentes entre organización, mentores, participantes e patrocinadores.
A apertura do evento arrancou cunha mesa redonda onde se falou sobre os efectos da IA, o emprendemento respecto á xente moza e o futuro do sector tecnolóxico, a cal contou coa participación do reitor da UDC, Ricardo Cao e a vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía, xunto ao director da AESIA, Alberto Gago e Carmen Pumariño, do comité de dirección de Startup Galicia.
Xa durante a competición, os equipos, formados por ata catro integrantes, dispuxeron de 36 horas para crear un proxecto tecnolóxico desde cero, desenvolvendo solucións baseadas nos retos propostos polas entidades patrocinadoras ou presentando unha idea orixinal, sempre baixo unha licenza libre.
Proxectos gañadores
Esta edición contou co Premio ao Mellor Proxecto de Software Libre, e creáronse dúas categorías adicionais, o Premio ao Mellor Proxecto Rookie, para o estudantado dos primeiros cursos, e o Premio ao Mellor Uso da IA Open Source, co obxectivo de favorecer a proliferación deste tipo de sistemas no software libre. Ademáis, fíxose tamén unha mención aos segundos e terceiros mellores proxectos da categoría principal.
O primeiro posto do Premio ao Mellor Proxecto de Software Libre foi para Stepcode, equipo formado por Javi Nogueira, Javier Manotas e Daniel Queijo. O segundo posto desta mesma categoría levouno o equipo BFG-I, formado por Ignacio Garbayo, Carlos Cao López e Yago Falgueras, mentres que o terceiro posto foi para o equipo Notas FIC, formado por Daniel Feito Pin, Lúa Rico e Mario Ozón.
Na categoría de Mellor Proxecto Rookie, os equipo gañador foi HackHUB, composto por Oscar Edward Perdiguero Smolen e Abel Suárez. Pola súa banda, o Premio ao Mellor Uso da IA Open Source foi para Nicolás Aller Ponte, Xoel Maestu García, Jacobo Núñez Álvarez e Miguel Planas Díaz, que formaban parte do equipo MXNJ-inditex-HackUDC2026.
Un evento en expansión
Desde a súa primeira edición en 2023, o HackUDC cuadruplicou o número de asistentes, consolidándose como un referente no panorama tecnolóxico galego e nacional.
A edición de 2026 contou co patrocinio de empresas e entidades do sector tecnolóxico, como InditexTech, Kelea, Merlin Software, Alén Space, Denodo, Grafana Labs, Gradiant e o CITIC., colaborando tamén a propia Universidade da Coruña, a Facultade de Informática, a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galcia (AMTEGA), Startup Galicia, o Grupo Billigham e Sticker Mule, entre outras entidades.
Sobre GPUL
O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), organizador do HackUDC, é unha asociación universitaria vinculada á UDC con máis de 25 anos de traxectoria e máis de 500 membros. A súa misión é promover o uso do software libre e fomentar a colaboración dentro da comunidade de desenvolvedores.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC