Reitor e alcalde de Ferrol entregan mañá os premios da FIRST LEGO League Galicia que organiza mañá a Universidade da Coruña no Auditorio ferrolán

Press release
2/14/20 1:27 PM
  • Institutional

A Coruña, 14 de febreiro de 2020.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidirán mañá sábado, 15 de febreiro, o acto de entrega de premios aos gañadores da FIRST LEGO League Galicia no Auditorio ferrolán, ás 14:20 horas.

Ademais, estarán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o coordinador da FIRST LEGO League Galicia, o profesor da UDC José Antonio Becerra Permuy. Así mesmo, asistirán o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás, o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez, o director da Escola Universitaria Politécnica, Andrés Piñón, e directivos das entidades e empresas colaboradoras como Deputación da Coruña; Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia; Plan Ferrol, Eume e Ortegal (IGAPE); Banco Santander; Dragados; Gabadi; Gadisa; Naturgy; R; Error Ferrol!; PuntoGal; Neodyn; TodoOcio e Lidl.

A FIRST LEGO League Galicia reunirá mañá en Ferrol preto de 400 estudantes de 4 a 16 anos. A inauguración do evento será ás 9:35 horas. Un total de 29 equipos formados por alumnado de 10 a 16 anos, procedentes de toda Galicia e Asturias, participa na competición FLL consistente na presentación dun proxecto científico sobre o tema Desafío City Shaper no que, baseándose na observación das cidades, propoñer solucións innovadoras e tecnolóxicas para ter unha mellor relación entre as cidades e as persoas. Ademais, teñen que deseñar, construír e programar un robot LEGO para que supere unha serie de probas nun taboleiro de xogo. Finalmente, o xurado valorará a integración dos valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.  Os dous mellores equipos representarán a Galicia na gran final FIRST LEGO League España que terá lugar en Tenerife os días 28 e 29 de marzo. En total entregaranse doce premios:

 

  • Primeiro Premio Fundación Scientia ao Gañador
  • Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador

 

Estes dous equipos clasifícanse para a GRAN FINAL FIRST LEGO League España que terá lugar en Tenerife os días 28 e 29 de marzo.

 

  • Primeiro premio Dragados ao Proxecto de Innovación
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST
  • Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot
  • Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot
  • Premio IGAPE ao Emprendemento
  • Premio LEGO Education ROBOTIX ás Novas Promesas
  • Segundo Premio Gabadi ao Proxecto de Innovación
  • Segundo Premio aos Valores FIRST
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot
  • Premio ao Adestrador

 

O evento conta tamén con dúas categorías máis, unha para o alumnado de 6 a 9 anos, FIRST LEGO League Junior, na que participan 14 equipos galegos co deseño e construción dunha maqueta con pezas LEGO e un póster ilustrativo do seu traballo que presentarán ante o público; e unha terceira categoría, FIRST LEGO League Discovery, para escolares de 4 a 6 anos na que hai inscritos seis grupos.

A FIRST LEGO League Galicia está organizada por máis de cen voluntarios (profesorado e persoal de administración e servizos do Campus de Ferrol) baixo a coordinación do profesor da Escola Poltécnica Superior José Antonio Becerra Permuy, artífice deste cita galega coa robótica e a ciencia desde o ano 2014.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC