O reitor e o alcalde das Pontes asinan un acordo para establecer unha sede permanente da UDC no concello pontés

Press release
1/11/19 12:35 PM
  • Institutional

A Coruña, 11 de xaneiro de 2019.-. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde do Concello das Pontes, Valentín González Formoso, asinaron onte un acordo de colaboración para establecer unha sede permanente da entidade académica neste concello.

Esta sede promoverá actividades de formación e información da Universidade da Coruña, segundo avanzou o reitor, quen cualificou este acordo de “fito importante” xa que é a primeira vez que a UDC sae da súa área xeográfica da Coruña e Ferrol cunha sede estable que achegará actividades universitarias a toda a veciñanza do concello pontés. Pola súa banda, para o alcalde este acordo supón “un paso histórico en prol de que As Pontes sexa capaz de sacar cabeza nun mundo cada vez máis tecnolóxico e no que concellos tan industriais como As Pontes, con vocación de diversificar o seu tecido produtivo poidan ter o seu papel, xogando a Universidade da Coruña un rol vital para axudarmos a ser unha referencia, apostando pola formación vencellada á sustentabilidade”.

Este acordo entre ambas institucións ten como obxectivo facilitar o acceso da veciñanza de As Pontes á formación académica regrada e non regrada impartida pola UDC, promover actividades de investigación, divulgación e transferencia científica e actividades de extensión universitaria nos ámbitos cultural e deportivo así como calquera outra iniciativa orientada a espertar nos rapaces e rapazas da vila as vocacións tecnolóxicas científicas.

Os representantes de ambas as dúas institucións remarcaron que se trata da única aula de extensión universitaria da comarca e a segunda da provincia da Coruña e quixeron agradecer á veciñanza de As Pontes o esforzo para o seu mantemento, xa que “é unha gran aposta, que nos permitirá ler o futuro do ámbito enerxético, como socios colaboradores, coa mirada posta nas novas xeracións, para que se vencellen profesionalmente a sectores que se poidan establecer na comarca e contribuír a fixar poboación”.

 

Universidade Sénior

A primeira colaboración entre a UDC e o Concello de As Pontes chegará da man da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, coa posta en marcha  do proxecto de democratización do coñecemento "Compartir experiencias e coñecemento" da Universidade Sénior da UDC. A vicerreitora de Oferta Académica, Nancy Vázquez Veiga, así como a directora da Universidade Sénior, Matilde García, explicaron onte nas Pontes o programa deste curso dirixido a persoas maiores de 50 anos.

Trátase dun ciclo formativo, que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e abril, dividido en tres módulos centrados en aspectos relacionados coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade social e económica, dentro de ámbitos como a historia, a sociedade, a bioloxía ou a educación, e a promoción de hábitos saudables, a prevención de riscos, a nutrición e a actividade física.

Cada seminario incluirá tres sesións teóricas, impartidas por profesores de la UDC, e unha sesión práctica que incluirá visitas a diferentes espazos de interese tales como Sargadelos ou o Lago das Pontes, e unha clase práctica para aprender a controlar a tensión.

As persoas interesadas neste curso, que comezará o próximo 23 de xaneiro, xa poden formalizar a matrícula a través da web https://udcsenioraspontes.wordpress.com/ ata o 20 de xaneiro ou no Concello. A matrícula é de balde.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC