A Coruña, 28 de outubro de 2024.- O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC da Universidade da Coruña acaba de recibir un novo recoñecemento polo seu traballo á hora espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral. Nesta ocasión o proxecto do CITIC foi galardoado co primeiro premio ex aequo na categoría “Ciencia e Valores Humanos” do certame internacional Ciencia en Acción.
Ciencia en Acción é un concurso internacional dirixido a estudantado, profesorado, persoal investigador e de divulgación da comunidade científica iberoamericana en calquera disciplina. O seu obxectivo principal é presentar a ciencia de forma atractiva e motivadora para fomentar o interese na ciencia, tanto da mocidade como no gran público. Durante a pasada semana, as inicitivas finalistas exhibíronse en formato en liña, e a entrega de premios tivo lugar este pasado sábado.
Ciencia inclusiva
O programa do CITIC Talentos Inclusivos alcanzou un importante impacto nos seus catro anos de traxectoria. Ata a data, desenvolveu máis de 40 solucións tecnolóxicas deseñadas especificamente para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade, promovendo así un enfoque de ciencia inclusiva e ao servizo da comunidade. Na súa última edición, Talentos Inclusivos contou coa participación de 15 colexios de Galicia, involucrando a máis de 500 estudantes e 50 persoas con discapacidade, unha mostra do seu compromiso coa inclusión social e educativa. Este recoñecemento en Ciencia e Valores supón un novo impulso para Talentos Inclusivos, que seguirá traballando no desenvolvemento de iniciativas innovadoras e accesibles, contribuíndo así a unha sociedade máis inclusiva e sensibilizada cara ás necesidades de todas as persoas.
Sobre Ciencia en Acción
O concurso Ciencia en Acción ten unha longa traxectoria na divulgación científica en Iberoamérica, onde fomenta a creatividade e a paixón pola ciencia entre estudantado e profesionais. O seu obxectivo é inspirar ás novas xeracións e ao público en xeral a través de experiencias interactivas e accesibles, xerando así un interese duradeiro polo coñecemento científico.
Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP.
Más información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC