O proxecto ‘RURALtXA! contribúe á conservación en Galicia de máis de 10.000 hectáreas de hábitats de interese comunitario

Press release

12/2/25 12:58 PM

  • Institutional
  • A iniciativa, impulsada pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago e a fundación vasca HAZI, contou con catro áreas piloto na montaña galega vencelladas maiormente aos cabalos salvaxes e ao vacún extensivo: a Serra da Groba (Pontevedra), a Serra do Xistral (Lugo), Monte Maior (Lugo) e a Serra da Faladoira (A Coruña). 
  • O proxecto impulsou así mesmo a valorización das actividades tradicionais que contribúen ao mantemento dos hábitats e se deseñaron ferramentas para mellorar a promoción e comercialización dos seus produtos.

A Coruña, 2 de decembro de 2025.- O proxecto RURALtXA! é unha iniciativa liderada pola Universidade de Coruña, a Universidade de Santiago e a fundación vasca HAZI que deu comezo hai tres anos co obxectivo de revalorizar os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña, a cal ten un papel fundamental na conservación de hábitats de interese comunitario, como queirogais e turbeiras.

O proxecto implicou a máis dunha vintena de montes de catro áreas piloto en Galicia: a Serra da Groba (Pontevedra), a Serra do Xistral (Lugo), Monte Maior (Lugo) e a Serra da Faladoira (A Coruña), maioritariamente Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Son todas elas áreas que conservan amplas extensións de queirogais e turbeiras -máis de 10.000 hectáreas-, así como prácticas tradicionais que contribúen á súa conservación, como o sistema de manexo dos cabalos salvaxes ou bestas, a gandaría extensiva de vacún ou a apicultura.

No marco do proxecto RURALtXA!, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad  do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, elaboráronse plans de manexo dos hábitats para estas catro áreas piloto e establecéronse acordos de custodia do territorio cos propietarios,  para que teñan en conta os criterios de conservación na xestión dos seus territorios. En total, 21 montes veciñais e un monte particular comprometéronse con plans de manexo, acadándose unha superficie conxunta de 16.684 hectáreas xestionadas con criterios de conservación.

Cómpre ter en conta que unha xestión axeitada das cargas gandeiras, como as que se utilizaron tradicionalmente, é imprescindible para os hábitats de turbeira e queirogais, nos que, para manter o seu estado de conservación, é tan importante evitar o sobrepastoreo como garantir a presenza dos animais pastoreando ano tras ano.

Outra das actividades da iniciaciativa orientadas á conservación consistiu na restauración ou mellora de 140 hectáreas de hábitats prioritarios, incluídas 60 hectáreas de turbeira nas que se eliminaron piñeiros e eucaliptos.

 

Impulso á bioeconomía rural

En paralelo, o proxecto RURALtXA! impulsou a valorización das actividades tradicionais que contribúen ao mantemento dos hábitats, para o que creou unha rede de traballo con máis de 120 persoas produtoras e se deseñaron unha serie de ferramentas para mellorar a promoción e comercialización dos seus produtos.

Entre elas destaca a marca Saberes do Monte, orientada a poñer en valor productos como a carne ou o mel derivados das actividades tradicionais ligadas á conservación da biodiversidade en montaña, e tamén o ecoturismo ligado a estas paisaxes e valores.

O proxecto RURALtXA! estudou ademais os servizos ecosistémicos que proporcionan as áreas piloto, tanto produtivos e culturais como ambientais (absorción de carbono, regulación do ciclo da auga, conservación da biodiversidade, etc.) .

RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC