O profesor da Facultade do Deporte da Universidade da Coruña José Palacios participa nunha investigación internacional sobre os riscos de afogamento

Press release
2/23/21 1:04 PM
  • Institutional

A Coruña, 23 de febreiro de 2021.- O risco de afogar nunha piscina dunha persoa que non saiba nadar é menor que o dun bo nadador ou nadadora no mar en presenza de ondas e correntes. Esta é unha das conclusións que se extraen do estudo realizado por investigadores e investigadoras de España, Brasil e Australia, entre eles o profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña José Palacios, co obxectivo de determinar a probabilidade de sufrir “un episodio de estrés ou distrés acuático” en función da competencia natatoria de cada persoa e do lugar no que nade. Baseado nos datos achegados a través dun cuestionario por máis de 3000 persoas, este traballo completouse coa definición dunha “matriz de risco de afogamento”, unha “ferramenta de fácil comprensión” que permite avaliar o risco de diferentes actividades acuáticas. Trátase dunha táboa que serve para avaliar e ter unha idea de cal pode ser o risco en función do nivel como nadador e onde se bañe, o que pode servir de guía para a poboación, que axude a escoller un espazo acuático o máis seguro posible.

O director médico da Sociedade Brasileira de Socorrismo, David Szpilman; as investigadoras brasileiras Ana María Gaino (Academia Gustavo Borges) e Sandra Madormo (Instituto Nacional de Natación Infantil); o profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña José Palacios e a investigadora da Federation University de Australia Jennifer Blitvich asinan, xunto ao profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo e investigador principal do grupo Remoss, Roberto Barcala e o tamén investigador deste grupo Martín Otero, o artigo no que se presenta esta “matriz de risco”, que será publicado na Revista Internacional de Medicina y Ciencias de la Actividad Física y del Deporte.

O 63% viviu un episodio de “estrés acuático”

“Habitualmente asóciase o afogamento coa morte, pero non sempre é así”, explica Barcala, que perfila que o estudo centrouse naqueles eventos nos que “un bañista percibiu que podía afogar”. Concretamente, nos episodios de “estrés e distrés acuático”, que constitúen a “fase previa ou paralela ao proceso de afogamento”. Segundo recolle o artigo, o primeiro defínese como un “estado de desequilibrio fisiolóxico ou das condicións psicolóxicas causado pola percepción de risco de morte por afogamento”, mentres que o segundo iniciase no momento no que a vítima non posúe xa “a habilidade racional para xestionar a situación”. Trátase de dous episodios que afirmaron ter sufrido o 63,8% das persoas participantes no estudo, un “dato moi relevante”, salienta Barcala, profesor da nova materia de socorrismo acuático do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Non en van, máis aló desta porcentaxe de episodios sufridos por persoas que sobreviviron, o afogamento causa anualmente máis de 350.000 falecementos no mundo. 

 

Diferentes probabilidades en función de como e onde nadas

Para a elaboración desta “matriz de risco”, convidouse a “doce expertos internacionais en natación e prevención acuática”, que nunha primeira fase definiron o grao de risco que podían supor diferentes escenarios acuáticos para cinco niveis de “competencia acuática”, que abranguen desde quen non sabe nadar a aqueles e aquelas “con dominio do medio acuático”, con capacidade de realizar unha “análise do risco” que poden supor as condicións do mar e que posúen ademais coñecementos de rescate. A posterior incorporación dos resultados dos máis de 3000 cuestionarios permitiu definir unhas ratios para cada un dos grupos e escenarios, que determinan, como explica Barcala, a “probabilidade de sufrir un episodio de estrés e distrés acuático en relación co mellor escenario”.

Estas estimacións fixan que as persoas que non saben nadar teñen un risco de afogar nunha piscina nove veces superior que as encadradas no grupo con maior “competencia acuática”. Pero tamén que o risco estas últimas corren en ríos ou praias con ondas ou correntes é 16 veces superior ao que terían nunha piscina. De aí que un dos aspectos nos que pon énfase o estudo é no feito de que “absolutamente ninguén está exento do risco de afogamento”, como recalca Barcala. De feito, tanto o grupo de persoas que saben nadar e flotar e o integrado por aquelas que dominan os catro estilos presentaban un risco de afogamento no escenario máis adverso, 29 e 25 veces superior, que o daqueles que non saben nadar (20), e que, polo tanto, amosan maior desconfianza neste tipo de situacións. Así mesmo, o risco de sufrir un episodio de estrés acuático é maior, segundo este estudo, nos homes que nas mulleres, sendo 2,5 veces superior, en concreto, no caso do grupo de mellores nadadores e nadadoras.

“Aprender a nadar é moi importante, pero non é un salvoconduto para non sufrir un incidente, xa que ao final do que se trata é de coñecer as túas capacidades e limitacións e adecualas a cada contorna acuática”, subliña Barcala. De feito, á vez que incide en como sufrir un episodio deste tipo levou a maioría das persoas que o viviron a mellorar a súa “competencia acuática”, o estudo alerta tamén dos perigos que pode supor unha situación de falsa seguridade. “A percepción realista das limitacións e non sobreestimar as capacidades propias, combinado cunha valoración correcta do risco é crucial para a prevención do afogamento”, conclúe este grupo de expertos.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC