A Coruña, 7 de novembro de 2023.- O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) Luís Castedo vén de ser nomeado presidente da área TIC da Axencia Estatal de Investigación (AEI), organismo público responsable do fomento da investigación científica e técnica en todas as áreas do saber.
A área TIC, que preside Luis Castedo, cobre un amplo número de tecnoloxías relacionadas co desenvolvemento de dispositivos e sistemas electrónicos, así como de tecnoloxías para a xestión e transferencia de información a través de sinais electromagnéticos.
Así mesmo, esta área, unha das 19 a través das que que a AEI desenvolve a súa actividade, engloba a investigación en procesamento de sinais, sistemas radiantes, subsistemas de radiofrecuencia e comunicacións ópticas.
A experiencia e liderado de Luis Castedo á fronte da área TIC da AEI permitirá seguir fomentando a investigación e innovación de excelencia no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Luis Castedo é doutor en Enxeñaría de telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid no ano 19933. Desde 1994 é membro do corpo docente do departamento de Enxeñaría Informática da UDC, onde se converteu en profesor no ano 2001. Anteriormente ocupou postos de investigación na Universidade do Sur de California e a École Supérieure d'electricité de Francia. Entre 2014 e 2018 foi responsable do Programa de Tecnoloxías Electrónicas e de Comunicacións na Axencia Estatal de Investigación. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais e investigador principal en máis de 50 proxectos de investigación financiados por organismos públicos e empresas privadas. Está especializado en enxeñaría de comunicacións, traballando en áreas como redes de sensores, Internet of Things (IoT) ou comunicacións vehiculares.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC