O investigador do CITIC da UDC Carlos Gómez recibe financiamento ERC para o seu proxecto de lingüística computacional da área de Intelixencia Artificial

Press release

9/6/22 1:33 PM

  • Institutional
  • O proxecto denominado SALSA enmárcase na área de Intelixencia Artificial do centro da UDC e é continuación da tamén ERC FASTPARSE, responsable de crear o algoritmo que reduce a lectura do Quixote a menos de 20 segundos sen perder calidade conceptual.
  • SALSA avanza na xeración de códigos, métodos e ferramentas pensadas para traducir a linguaxe natural ás máis sofisticadas contornas dixitais.
  • O Consello Europeo de Investigación (ERC) financia con 150.000€ este innovador programa. Carlos Gómez é único galego nesta convocatoria e sitúa ao CITIC no mapa europeo da excelencia investigadora.

 

 

A Coruña, 6 de setembro de 2022.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña dá un novo salto cualitativo na transferencia de tecnoloxía e no seu recoñecemento internacional. O proxecto “Efficient Syntactic Analysis for Large-scale Sentiment Analysis” (SALSA) dirixido polo investigador Carlos Gómez Rodríguez acaba de ser seleccionado pola axencia de financiamento máis importante de Europa, o Consello Europeo de Investigación (ERC), na última convocatoria e financiado con 150.000 euros na categoría “Proba de Concepto”, a liña que dá cobertura a proxectos de innovación comercializables. SALSA é o único proxecto galego que recoñece o ERC nesta última convocatoria.

 

Ciencias e letras, da man para crear a linguaxe das TIC

O obxectivo de SALSA é crear algoritmos que “traduzan” a linguaxe natural, moitas veces complexa para as TIC, a contornas dixitais actuais propias da intelixencia artificial; e os códigos, ferramentas e programas informáticos propios da chamada lingüística computacional. A investigación das tecnoloxías da linguaxe é a clave desta disciplina científica que conxuga o traballo de tecnólogos como matemáticos, informáticos ou enxeñeiros, co de lingüistas e outros especialistas das humanidades. Trátase dun campo interdisciplinar que se ocupa do desenvolvemento de formalismos que describen o funcionamento da linguaxe natural para que poidan ser transformados e, por tanto, procesados, en programas executables por un dispositivo tecnolóxico.

Este programa é a continuación do tamén financiado pola ERC en 2016, finalizado recentemente, “Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP” (FASTPARSE), responsable, entre outros fitos, de deseñar o algoritmo capaz de axilizar a lectura do Quixote reducíndoa a tan só 20 segundos sen deteriorar a súa calidade conceptual. A finalidade deste innovador proxecto foi desenvolver novas técnicas para mellorar a velocidade dos analizadores sintácticos da linguaxe natural, facéndoos adecuados para o procesamento a escala web.

 

Software más accesible e económico

“Acelerar enormemente a análise das opinións presentes en textos da linguaxe natural para facelas máis fáciles de interpretar pola intelixencia artificial é o que buscamos con este proxecto”, sinala Carlos Gómez, que lembra ademais que o principal obxectivo de SALSA é “democratizar a análise de datos de internet e redes sociais e transformalos en coñecemento para os tomadores de decisións, utilizando os modelos e algoritmos de análises sintácticas desenvolvidas no proxecto ERC Starting Grant FASTPARSE para crear sistemas de análises de sentimento que sexan á vez precisos e eficientes (ao empregar analizadores rápidos que poden procesar da orde de 1.000 oracións por segundo en hardware estándar de consumo)”, apunta o investigador do CITIC.

SALSA seguirá un modelo de negocio de software de código aberto e pretende contribuír, en gran medida, á competitividade do mercado tecnolóxico da UE, “reducindo a súa dependencia do oligopolio de xigantes tecnolóxicos. Ademais de crear oportunidades para idiomas como o galego, non prioritarios para as multinacionais”, lembra. A misión do CITIC con este e outros proxectos de similar alcance é demostrar que facer ciencia de vangarda en Galicia é posible. “Ciencia que sexa capaz de transferirse á sociedade e que, adicionalmente, se desenvolva desde o punto de vista industrial. A captación de proxectos de primeiro nivel como este ERC dan boa conta diso”, asegura o investigador principal do CITIC.

 

Sobre o ERC

O Consello Europeo de Investigación (ERC), creado pola Unión Europea en 2007, selecciona e financia cada ano a un grupo de investigadores/as de calquera nacionalidade e idade para executar proxectos de gran novidade e impacto. O proceso de selección é moi competitivo e selectivo e ten unha taxa de éxito menor ao 10 %. Hai tres convocatorias para diferentes etapas da carreira científica (Advanced, Consolidator e Starting Grants), unha específica para a transferencia de tecnoloxía (Proof of Concept) e outra para proxectos colaborativos (Synergy Grant).

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ao TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por pór ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito do TIC.

 

Foto 1: Carlos Gómez, á dereita, con David Vilares Calvo, investigador do CITIC e profesor da UDC e Elena Solera Segura, técnica da OTRI da UDC

carlos_gomez_2

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC