O investigador da Universidade da Coruña Ricardo Cao, nomeado presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra o Coronavirus”

Press release
3/23/20 12:11 PM
  • Covid-19 Institutional

 

A Coruña, 23 de marzo de 2020.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, acaba de ser nomeado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra o Coronavirus”, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno de España a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo virus Covid-19, aportando conclusións e recomendacións dende o ámbito das matemáticas.

Así, este comité de expertos poñerá á disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelización para comprender o problema que está sufrindo a nosa sociedade co Covid-19. A partir dos datos facilitados polo Goberno sobre a evolución da pandemia, microdatos dos casos diagnosticados, recursos dispoñibles, ficheiros Big Data de mobilidade, etc., o comité elaborará a modelización matemática da pandemia para, a partir de aí, establecer previsións de evolución que permitirán a planificación óptima dos recursos.

Ricardo Cao é investigador da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e membro do comité de dirección do centro, así como catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa da UDC, editor de diferentes revistas científicas de prestixio internacional e membro de numerosas sociedades que traballan no ámbito da estatística e a investigación operativa.

O Comité Español de Matemáticas está formado polas sociedades científicas españolas no ámbito das Matemáticas: Real Sociedad Matemática Española (RSME), Societat Catalana de Matemàtiques (SCM), Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA), Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas (SEHCYT).

#UDCnonPara       

#QuedaNaCasa

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC