O encontro de desenvolvedores da UDC e Videoxogo.gal Meninas Jam, finalista nos Premios DeVuego 2020 na categoría á mellor Game Jam

Press release
2/12/21 9:24 AM
  • Institutional

Ferrol, 12 de febreiro de 2021.- O encontro de desenvolvedores Meninas Jam, promovido pola Universidade da Coruña (UDC) e mais pola Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos (Videoxogo.gal), quedou finalista nos Premios DeVuego 2020 na categoría á mellor Game Jam. Desde o ano 2018, a Asociación Española de Videoxogos (AEVI) recoñece ao portal DeVuego como a principal base de datos do sector en España.

Cun total de sete premios obtidos, o videoxogo Call Of the Sea, desenvolvido polo estudo madrileño Out of the Blue Games, foi o protagonista desta edición. Os máis de 4.000 participantes na votación, todos eles usuarios do portal DeVuego, outorgáronlle o premio ao Mellor Xogo do Ano, o máximo galardón. Con todo, tamén foi elixido Mellor Xogo para PC, Mellor Xogo para Consolas, Mellor Deseño, Mellor Deseño Narrativo, Mellor Son e Mellor Produción.

Un espazo para fomentar a creatividade e unha homenaxe ás Meninas de Canido

O encontro de desenvolvedores Meninas Jam nace en xullo de 2020 da man do coordinador do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videogoxos, Antonio Seoane, e da cofundadora de Videoxogo.gal e profesora da UDC, Luz Castro, como espazo para fomentar a creatividade e o traballo en equipo así como homenaxe ao evento iniciado en 2008 polo artista Eduardo Hermida e que converteu á cidade de Ferrol en todo un referente artístico e cultural.  

Na súa primeira edición, celebrada en liña debido á situación sanitaria derivada da COVID-19, participaron 40 persoas, boa parte delas estudantado do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos que se imparte na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña e máis do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que acolle a Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol. Baixo a temática “Barcos, Barcos e máis Barcos”, elixida polos propios participantes, presentáronse un total de 12 proxectos. O videoxogo gañador, “Shipulse”, foi deseñado polos estudantes da primeira promoción do máster, Jesse Lago López, Pablo Boullosa García, José Luis Valenzuela Iglesias, Damián Romero Fernández e Sarai Pena López. Outro dos proxectos presentados na jam, “Fofo e a pesca do lixo”, acadou o terceiro galardón nos Premios Xuventude Crea 2020 da Xunta de Galicia na modalidade de Videoxogo.

O xurado estivo integrado pola cofundadora de Videoxogo.gal e profesora na UDC, Luz Castro; o coordinador do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Antonio Seoane; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández; o coordinador do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Javier Taibo; o responsable de Marketing e Comunicación de Gato Salvaje, Juan Nieto Torres; o deseñador de videoxogos en AxesInMotion, Víctor Fernández; o director de DeVuego, Yova Turnes; e a profesora do Ciclo Superior de Animación 3D, Xogos e Contornas Interactivas no IES Imaxe e Son da Coruña, Mónica Parada.

 

Máis info en https://meninasjam.wordpress.com/

Consulta todos os proxectos presentados na Meninas Jam 2020 en https://itch.io/jam/meninasjam

 

Foto: Captura de pantalla do videoxogos “Shipulse” desenvolvido por un grupo de estudantes da primeira promoción do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol.

 

 

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC