O conselleiro de Educación subliña a importancia para a Intelixencia Artificial de Galicia do novo espazo Demostrador Tecnolóxico do CITIC da UDC

Press release

5/19/21 11:50 AM

  • Institutional

• O reitor, Julio Abalde, o conselleiro, Román Rodríguez, a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, inauguraron o ‘showroom’ • O novo espazo amosará e testará, entre outros, proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, área en que a UDC é líder en Galicia.

A Coruña, 18 de maio de 2021.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto coa alcaldesa, Inés Rey, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, inauguraron hoxe, a nova sala Demostrador Tecnolóxico do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da UDC, xunto co director do centro, Manuel González Penedo, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, ademais do secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Abalde explicou as funcionalidades da nova sala Demostrador Tecnolóxico que é un adianto en menor dimensión da que se poderá ver na futura Cidade das TIC, xa que neste proxecto de Campus de Pedralonga se inclúe un espazo de demostración tecnolóxico que supera os 700 metros cadrados.

O reitor declarou que na sala do CITIC poden verse “proxectos tecnolóxicos baseados en Intelixencia Artificial e robótica, entre outras áreas, como solucións maduras que poden ser usadas xa polas empresas interesadas”.

O conselleiro de Educación, pola súa parte, subliñou a importancia deste espazo para a Intelixencia Artificial de Galicia e sinalou o CITIC como “un referente no eido da I+D+i aplicada ás TIC”.  Ao respecto salientou que a IA é “unha disciplina en alza na que este centro destaca especialmente e que a Xunta apoia decididamente como quedou acreditado tras o recente acordo cos tres reitores para impartir un grao e máster interuniversitario centrado nesta materia”.

“Estamos convencidos de que esta nova sala de Demostrador Tecnolóxico realizará un labor fundamental á hora de achegar os distintos avances e proxectos que aquí se realizan”, indicou. 

A nova sala é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, o primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. O Demostrador Tecnolóxico será un espazo para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, disciplina na que a UDC é líder en Galicia, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.

A sala, na que se materializou un investimento que supera os cen mil euros, está cofinanciada pola propia Universidade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e o Consello Social da UDC. O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de videoconferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e realidade aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.

 

 

Sobre o CITIC

O CITIC da UDC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. O CITIC é o primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

 



 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC