A Coruña, 8 de novembro de 2023.- A segunda charla do ciclo “HumanIA UDC”, organizado polo Consello Social da Universidade da Coruña e a Facultade de Humanidades, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), ofrece mañá xoves, día 9 de novembro, ás 17:30 horas na Sala Cloud do centro, unha conferencia do experto en Intelixencia Artificial Paul Van Branteghem.
Van Branteghem é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun máster en Intelixencia Artificial Avanzada e outro en Meteoroloxía, combinados con posgraos en Marketing e Digital Analytics. É cofundador da empresa Big Onion Tech e a asociación Spain-AI. Traballou en Siemens-Gamesa e en BBVA desenvolvendo proxectos relacionados coa IA e en StratioBD e Deloitte liderando proxectos de Data Science.
Na súa conferencia, baixo o título “Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral”, abordará as aplicacións da Intelixencia Artificial en sectores relacionados coas humanidades e as ciencias sociais, e amosará como a IA está cada vez máis presente nas empresas españolas.
Ferramentas como ChatGPT, GPT-4, BERT e DALL·E 2 están reconfigurando os postos de traballo, polo que neste ciclo afondarase no impacto da IA no mercado laboral, en novas competencias nesta materia e nas aplicacións máis utilizadas.
O obxectivo do ciclo de talleres “HumanIA UDC” é proporcionar un espazo para o diálogo crítico e a reflexión sobre o impacto da IA nas nosas vidas e nas disciplinas humanísticas. A primeira actividade, que tivo lugar no mes de outubro, contou cun gran éxito de participación, superando o centenar de participantes e as prazas para este segundo taller están xa esgotadas. Más información en: https://humaniaudc.com/chatgpt-aplicacións-uso-mercado/.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC