O Grupo VARPA da UDC colabora con Telefónica no impulso dun sistema de diagnóstico de telemedicina en oftalmoloxía con intelixencia artificial

Press release

3/29/21 12:07 PM

  • Institutional
  • Telefónica impulsa o sistema Ocuexplorer 5G en colaboración co Centro Internacional de Oftalmología Avanzada Prof. Fernández Vigo, Nokia, Idronia e o Grupo VARPA da Universidade da Coruña
  • Este prototipo de e-Health está baseado en ópticas e sensores electrónicos avanzados que veñen do mundo da Fórmula 1

 

A Coruña, 29 de marzo de 2021.- Telefónica, en colaboración con Nokia, o Centro Internacional de Oftalmología Avanzada Prof. Fernández Vigo, Idronia e o Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña, desenvolveu o servizo de teleoftalmoloxía Ocuexplorer 5G, unha ferramenta de asistencia ao oftalmólogo baseado en novas tecnoloxías ópticas, técnicas de telecontrol, comunicacións 5G e Intelixencia Artificial para axudar na prevención e diagnóstico de enfermidades oculares.

O caso de uso Ocuexplorer 5G, que xa se está utilizando na clínica oftalmolóxica do Prof. Fernández-Vigo en Madrid e que se probará na cidade de Vigo, desenvólvese no marco da primeira convocatoria de subvencións para impulsar o 5G do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital a través de Red.es con fondos FEDER.

Ocuexplorer 5G consiste nun dispositivo oftalmolóxico baseado en ópticas e sensores electrónicos avanzados que veñen do mundo da Fórmula 1 (extrema sensibilidade en contornas lumínicas complicadas) e pode levarse preto do paciente para realizar varias probas oftalmolóxicas (análises multicapa das distintas partes da anatomía do globo ocular). Grazas á cobertura 5G, esta información de gran volume captada por Ocuexplorer (ata 500 imaxes por segundo de alta resolución e baixa compresión) é transmitida en tempo real a un sistema avanzado de Intelixencia Artificial que realiza unha análise previa das mesmas.

Este sistema de IA baseado nos algoritmos de visión artificial permite realizar un  screening de cantidades masivas de información e notificar a un oftalmólogo cada vez que se identifique, por exemplo, unha retinografía con parámetros que se saian da normalidade, para que sexa adecuadamente examinado polo doutor. En caso necesario, un médico podería conectarse remotamente ao dispositivo Ocuexplorer e tomar o control remoto do dispositivo para realizar probas máis exhaustivas. Todo este proceso en tempo real e en proximidade co paciente.

A finalidade deste dispositivo, conectado por 5G e apoiado na IA, é dobre. Por unha banda, facer accesible a oftalmoloxía máis avanzada a colectivos que hoxe en día teñen difícil acceso a estes servizos, como poden ser zonas rurais, zonas afastadas de calquera núcleo urbano ou pacientes con problemas de mobilidade. Por outro, ofrecer aos oftalmólogos unha ferramenta diagnóstica que lles permita mellorar a súa eficiencia, aplicando os seus coñecementos naqueles casos onde realmente se necesitan. Ademais, a Intelixencia Artificial facilita a revisión oftalmolóxica masiva de pacientes e progresar así en gran medida no desenvolvemento da oftalmoloxía preventiva para toda a poboación.

Telefónica desenvolve Ocuexplorer 5G en colaboración co Centro Internacional de Oftalmología Avanzada Prof. Fernández Vigo como gran impulsor da iniciativa; a empresa Idronia como desenvolvedora do dispositivo e o Grupo VARPA da Universidade da Coruña, no que se integra o profesor Marcos Ortega, coordinador científico deste proxecto como autor do software de Intelixencia Artificial que é capaz de analizar as imaxes oftalmolóxicas e identificar potenciais riscos de patoloxías oculares.

Este sistema, valorou o profesor Ortega, é “unha oportunidade moi boa para poñer en valor o potencial da Intelixencia Artificial ao servizo da sociedade” xa que, engadiu, “nun proxecto como este, no eixo da telemedicina, pode ser unha ferramenta clave, como queda claro, sen ir máis lonxe, nestes momentos de pandemia da Covid-19, xa que practicamente podería consultarse a distancia, evitando desprazamentos aos centros médicos”.

Para a fase de validación de Ocuexplorer con pacientes reais, Telefónica contou con Nokia para o despregamento de cobertura 5G na cidade de Vigo, así como o despregamento dun centro de edge computing na Coruña, que aloxará a capacidade de cómputo necesaria para o diagnóstico e, nun futuro, permitirá o telecontrol do robot por parte dun especialista en remoto grazas á súa baixa latencia.

 

Grupo de Investigación VARPA

O Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) é un grupo de investigación adscrito ao Departamento de Informática da Facultade de Informática da Universidade de Coruña.

O grupo promove o desenvolvemento industrial de aplicacións de visión artificial e a colaboración coa investigación neste campo. Os obxectivos fundamentais de VARPA son a innovación e a promoción da competitividade industrial baseada na investigación e o desenvolvemento da visión por computadora, e a colaboración coa industria no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos.

 

Marcos Ortega Hortas

Enxeñeiro Informático desde 2004 e Doutor en Informática desde 2009, é Profesor Titular na Universidade da Coruña, impartindo docencia maioritariamente na Facultade de Informática onde exerce como Secretario da Facultade. Investigador adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC) no que forma parte do comité científico e actúa como o seu representante no ECHAlliance. É membro tamén do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) co rango de Investigador Principal. As súas investigacións céntranse na visión dinámica, procesado de imaxe médica e informática médica. 

 

Información facilitada por Telefónica e polo Grupo VARPA da UDC.

Foto de arquivo: Á dereita: Especialistas en Oftalmoloxía de CIOA xunto ao Dr. Fernández Vigo (centro) e o responsable do proxecto en Telefónica Innovación, Juan Cambeiro (centro abaixo). Á esquerda, os investigadores da UDC, Jorge Novo, Marcos Ortega e Pablo Guillemette.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC