O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia premia o Traballo Fin de Mestrado dun estudante da Escola Politécnica Superior de Ferrol

Press release
1/13/20 2:24 PM
  • Institutional

Ferrol, 13 de xaneiro de 2020.-  O Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) premiou, o pasado mes de decembro, o Traballo Fin de Mestrado (TFM) de Francisco Javier Rodríguez García, exalumno do Mestrado en Enxeñaría Industrial que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol. O TFM, titulado “Deseño e realización da cabeza dun robot humanoide por impresión 3D” e titorizado polo profesor Fran Bellas e mais polo estudante do Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, Martín Naya, acadou o galardón “Distincións a proxectos de Fin de Carreira” na modalidade de “Introdución á investigación” e un premio de 800 euros.

O exalumno da Universidade da Coruña, Francisco Javier Rodríguez García, recibiu este recoñecemento da man do vicedecano de ICOIIG, Manuel Aurelio Colmenero Guzmán, e do subdelegado en Ferrol, Iván Méndez Rodríguez, nun acto que tivo lugar a finais de decembro no Parador de Turismo de Ferrol. Á entrega do premio asistiu tamén o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez Casal.

O galardón “Distinción a proxectos Fin de Carreira” está dirixido aos autores dos Proxectos Fin de Carreira dos graos en Enxeñería Industrial ou dos mestrados en Enxeñaría Industrial que se imparten na Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña (UDC), na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (Uvigo) e mais na Delegación de Galicia da UNED. Cada un dos centros opta a dous premios, un na modalidade de “Proxecto Tradicional” e outro na de “Introdución á investigación”.

Foto: De esquerda a dereita: o estudante do Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, Martín Naya, o exalumno do Mestrado en Enxeñaría Industrial galardoado, Francisco Javier Rodríguez García, e o profesor Fran Bellas.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC