O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC, CITEEC, organiza unha xornada sobre IA para a Mecánica Computacional

Press release

11/30/23 10:35 AM

  • Institutional

A Coruña, 30 de novembro de 2023.-Mañá venres, 1 de decembro, a partir das 9:00 horas, na sala de visualización do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, terá lugar a xornada “Artificial Intelligence for Computational Mechanics” (Intelixencia Artificial para a Mecánica Computacional). Esta xornada está organizada por Xesús Nogueira e Iván Couceiro, profesores do Grupo de Métodos en Enxeñería da UDC, xunto Stéphane Clain, profesor da Universidade de Coimbra e Raphaël Loubère, Director de Investigación do Mathematical Institute of Bordeaux da Université de Bordeaux.

Os obxectivos da xornada centraranse na utilización de técnicas de Intelixencia Artificial na Mecánica Computacional para mellorar a precisión e rendemento das simulacións por ordenador. Así, trátase de fomentar o emprego de técnicas de Machine Learning na elaboración de esquemas numéricos e de xestión de datos. 

O evento dará inicio ás 9:00 horas, coa intervención de Ahmad Towaiq, do Grupo de Investigación de Métodos Numéricos en Enxeñaría da Universidade da Coruña, baixo o título “Estimation of Fatigue Life of Offshore Steel Structures Using Numerical Simulations and Artificial Neural Networks”, sobre o cálculo para predicir a fatiga das estruturas de aceiro que soportan as turbinas eólicas mariñas.

A continuación, ás 9:45 horas, terá lugar o relatorio de Rafael Enriques, do departamento de Matemáticas da Universidade de Coímbra, Portugal, no que presentará o seu proxecto de investigación sobre un modelo matemático con redes neurais para reconstruír as propiedades mecánicas dun medio elástico.

            Despois dunha breve pausa, a xornada da mañá continúa con David Huergo, da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio da Universidad Politécnica de Madrid, que falará da aprendizaxe por reforzo para as aplicacións CFD (Computational Fluid Dynamics). O CFD é un conxunto de técnicas numéricas para realizar simulacións por ordenador que permitan predicir o comportamento dun fluxo de fluído nunhas condicións determinadas.

            A última conferencia da mañá será a cargo de  Bilel Bensaid, do centro de investigación CEA/Cesta, dedicado ao deseño de armas nucleares, situada en Le Barp, Francia e do Institute de Mathématiques de Bordeaux, tamén en Francia, quen analizará a estabilidade dos optimizadores de aprendizaxe automático.

            A xornada da tarde dará comezo co relatorio de Silvia Barbeiro, do Centro de Matemáticas da Universidade de Coimbra, sobre a aprendizaxe de modelos de ecuacións diferenciais parciais para o filtrado de imaxes.

            A seguinte cita da tarde será a conferencia de Xesús Nogueira, investigador do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría do CITEEC, que versará sobre novos esquemas numéricos para a simulación de fluxos compresibles creados mediante o uso de redes neuronais.

            O evento rematará coa celebración dunha mesa redonda, que terá lugar de 16:30 a 17.30 horas.

Toda a información do evento pode consultarse na seguinte ligazón: https://shark-fv.eu/ai4cm/.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC