O CITIC da UDC e ASPACE Coruña implican a institutos de toda Galicia para mellorar o día a día das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía

Press release

2/24/23 2:44 PM

  • Institutional

       

  • O proxecto Talentos Inclusivos desenvólvese en dez centros, situados na súa maioría na provincia da Coruña, e chegará a 200 estudantes, quen deben abordar retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE tales como a creación dun soprador de velas, un xeolocalizador de prazas de discapacidade, un adaptador 3D para portas ou un bingo adaptado.
  • O alumnado do Colexio de Carmelitas de Ourense, que participa nesta terceira edición do proxecto, coñeceu esta mañá da man das persoas usuarias de ASPACE as barreiras ás que se enfrontan día a día as persoas con parálise cerebral e tamén como poden contribuír a través da tecnoloxía a mellorar a súa calidade de vida solucionando os retos planeados.

 

A Coruña, 24 de febreiro de 2024.- Un adaptador 3D para as portas do centro de ASPACE Coruña, unha mesa sensorial, unha app para mando de tv adaptado ou a impresión 3D dunha boquilla para pintar. Estes son algúns dos retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE Coruña, que xunto co CITIC da UDC está a levar a cabo a terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, un programa que ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado e dar visibilidade á discapacidade. Arredor de 200 estudantes de secundaria están a participar neste programa que por primeira vez se estende a centros de toda Galicia. Precisamente, no día de hoxe un deses colexios, Carmelitas de Ourense, puido coñecer na propia sede de ASPACE, en Sada, as barreiras ás que se enfrontan a diario as persoas con parálise e tamén como a través da tecnoloxía os propios alumnos e alumnas de 3º da ESO poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

A coordinadora de ASPACE Coruña, Iria Robles, explicoulle aos estudantes algúns dos proxectos desenvolvidos en edicións anteriores e presentoulle tamén os retos que deberán abordar durante este curso. Entre as propostas expostas está o desenvolvemento de videoxogos clásicos para usar en terapias de rehabilitación e a adaptación 3D de premedores do cabezal dunha cadeira de rodas. Así mesmo, a xornada enmarcase dentro das visitas presencias que se están facendo aos centros educativos, “despois de dous anos de restricións debido á pandemia, retomáronse estas visitas presencias, nas que os estudantes coñecen de primeira man as barreiras as que se enfrontan no día a día a persoas con parálise cerebral, que é un paso previo esencial para poder buscar solucións tecnolóxicas coas que dar resposta ás súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

Na mesma liña, Ricardo Iglesias Sanmartín, xerente de ASPACE Coruña, díxolle ao alumnado: “temos que traballar para que as persoas con parálise cerebral acaden a plena inclusión e unha maneira de facelo é propoñendo retos que melloren o seu día a día. Pódovos asegurar que cando chegue o mes de xuño a relación que tedes con eles vai cambiar a vosa perspectiva e a vosa visión das persoas con discapacidade”.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da UDC xunto con ASPACE promove este proxecto colaborativo que conta co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia e Innovación, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Precisamente, o convenio asinado recentemente coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta propiciou que o programa Talentos Inclusivos se estendese a centros educativos de toda Galicia coa participación do Colexio Carmelitas de Ourense, xa que anteriormente estaba centralizado na provincia da Coruña.

Dez centros participantes

O programa “Talentos Inclusivos” chega nesta terceira edición a dez centros educativos de Galicia, na súa maioría situados na provincia da Coruña. Concretamente, en sete deles xa se levaron a cabo as primeiras xornadas provinciais. Trátase dos colexios Calasanz (A Coruña); o IES Rego da Trabe (Culleredo); IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo (Ferrol) e o IES Miraflores (Oleiros); quedando pendentes a realización destas actividades de sensibilización en outros dous centros (IES As Mariñas de Betanzos e o IES Ortigueira), aos que hai que sumar a que tivo lugar este venres en ASPACE Coruña.

As xornadas perseguen un dobre obxectivo, por unha banda dar a coñecer e sensibilizar ao alumnado sobre a situación e barreiras as que se enfrontan as persoas con parálise cerebral e, pola outra, propoñerlle retos para abordalas e contribuír deste xeito a mellorar a súa calidade de vida.

Sobre ASPACE Coruña

ASPACE Coruña é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1977 que ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e das súas familias, poñendo á súa disposición os recursos necesarios para promover o seu desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades. A entidade atende na actualidade a 124 persoas con parálise cerebral a través de diferentes recursos (Atención Temperá, Centro Educativo, Centro de Día e Centro Residencial) e unha plantilla de máis de 110 profesionais. Conta con servizos rehabilitadores, educativos e de integración e actividades e proxectos cunha clara aposta pola innovación para que estas persoas teñan unha vida plena e feliz.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

talentos_inclusivos_2

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC