Máis de cen estudantes resolven retos de ciberseguridade na CITIC Cyber Competition

Press release

2/25/22 11:46 AM

  • Institutional
  • O evento celebrouse de forma simultánea no Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, atlanTTic da Universidade de Vigo e online.
  • Estudantes de diferentes niveis educativos participaron na competición, na que se premiou con galardóns de 1000, 700 e 300 € aos tres equipos gañadores.

 

A Coruña, 25 de febreiro de 2022.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e atlanTTic da Universidade de Vigo acolleron este mércores 23 de febreiro a CITIC Cyber Competition – C3TF, unha competición celebrada simultaneamente en ambos centros de investigación e de forma online, que reuniu a máis de 100 estudantes para resolver retos de ciberseguridade.

A Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade) colaboraron no evento. O C3TF tiña como finalidade promover o desenvolvemento das habilidades en seguridade informática de estudantes de calquera nivel educativo. Así, déronse cita estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster, organizados nun total de 33 equipos. Durante catro horas, enfrontáronse a 22 retos nos ámbitos da esteganografía, a criptografía, forense, entre outras categorías.

A CITIC Cyber Competition premiou aos tres equipos gañadores con galardóns de 1000, 700 e 300 euros cada un. O equipo que máis puntuación obtivo foi XORprecha, composto por José Ángel Álvarez Sánchez, Álvaro Manso Porteiro, Ismael Melchor Juan, Pedro Jose Navas Pérez e Esteban Segura Ripoll; o segundo premio acadouno o equipo El sindicato del flag, formado por Manuel Orois García, Olalla Rama García, Armando Nogueira Río e Gabriel Díaz Guimaraens; e o terceiro galardón foi para quackbomb, equipo conformado por Ignacio Borregán Naya, Daniel Feito Pin, Clara Barrios Hermida, Santiago Julio Iglesias Portela e Pablo Longueira Failde.

O acto de apertura contou coa presenza do director do CITIC da Universidade da Coruña, Manuel F. González Penedo; o director de atlanTTic da Universidade de Vigo, Martín Llamas Nistal; o vicedecano de Recursos Informáticos da Facultade de Informática da UDC, Carlos Fernández Lozano; e o director de R, Alfredo Ramos González. Todos eles coincidiron na importancia da ciberseguridade en numerosos aspectos da sociedade actual e na necesidade de apostar por actividades e eventos destas características que fomenten o interese por esta área de coñecemento entre as xeracións máis novas.

Os coordinadores do MUNICS na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo, Francisco Javier Nóvoa Manuel e Ana Fernández Vilas, respectivamente, interviñeron no acto de clausura para animar aos participantes a decantarse por este programa de estudio especializado para continuar a súa formación.

 

Sobre o CITIC

 O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC

citic_ciberseguridade_4

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC