Máis de 400 estudantes visitarán o CICA durante a VII edición do programa Incrústate, que busca impulsar as vocacións científicas

Press release

10/17/25 11:28 AM

  • Institutional
  • Este venres realizouse a primeira visita do alumnado de 1º de Bacharelato do IES Monte da Vila do Grove, quen tivo a oportunidade de coñecer o CICA, falar co persoal investigador e visitar os seus laboratorios. 
  • Tralas visitas programadas, o alumnado poderá solicitar unha estancia de tres días no centro e presentar a proba experimental que elabore no congreso científico creado para a ocasión, co obxectivo de que poida vivir a experiencia de primeira man.

A Coruña, 17 de outubro de 2025- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, comeza a acoller as primeiras visitas dunha nova edición do proxecto “Incrúst@te: ¿qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta iniciativa, única en Galicia, busca incentivar a vocación científica entre o alumnado de Educación Secundaria Obragatoria, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos galegos.

Durante os próximos meses, ata 400 estudantes das diferentes provincias de Galicia visitarán o centro de investigación. O IES Monte da Vila, do Grove (Pontevedra), foi o primeiro grupo en iniciar estas incursións, onde o alumnado puido descubrir o centro e os seus laboratorios.

Unha vez rematadas as visitas, serán seleccionados ata 20 estudantes a través dunha carta de motivación, para “incrustarse” durante tres días no centro, onde poderán realizar unhas prácticas experimentais baixo a supervisión do persoal investigador. O alumnado poderá escoller as súas preferencias entre os grupos de investigación repartidos nas tres áreas centrais: Alimentación, Contaminación e Saúde e Nanociencia e Biomedicina.

Tralo seu paso polo CICA, terá lugar, como en anteriores edicións, un congreso científico celebrado na Domus da Coruña, no que o estudantado poderá expoñer o seu traballo con pósters e presentacións orais ante un xurado. As catro iniciativas que saian finalistas poderán realizar unha estancia de ata dúas semanas no centro de investigación para profundar máis no seu proxecto.

O programa desenvolverase ao longo do curso 2025-26 nas seguintes fases:

  • Visitas de centros ao CICA e selección de estudantes - outubro e decembro de 2025
  • Estadías curtas en laboratorios - xaneiro a marzo de 2026
  • Congreso Incrústate - abril de 2026
  • Estadías longas en grupos de investigación para o alumnado finalista - abril e xuño de 2026

Incrústate é unha iniciativa pioneira en Galicia desde 2017 que busca fomentar a vocación científica na mocidde para que coñezan o sector de primeira man, mostrarlles as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na Ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.600 estudantes.

 

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

WhatsApp Image 2025-10-17 at 11.17.20 (3)

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC