Las Acacias Bot, de Vigo, gaña a sexta edición da FIRST LEGO League Galicia

Press release
2/15/20 4:06 PM
  • Institutional

Ferrol, 15 de febreiro de 2020.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, entregou hoxe o primeiro premio Fundación Scientia ao Gañador do concurso FIRST LEGO League Galicia ao equipo Las Acacias Bot, do Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo.

O Auditorio de Ferrol acolleu hoxe o certame da FIRST LEGO League no que competían un total de 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias; na sexta edición dun evento organizado pola Universidade da Coruña baixo a coordinación do profesor José Antonio Becerra Permuy, que contou coa asistencia de máis dun centenar de voluntarios (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos do Campus de Ferrol.

É a segunda vez que Las Acacias Bot gaña o primeiro premio da FIRST LEGO League Galicia xa que o ano pasado representou á Comunidade Autónoma na final nacional onde conseguiu o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación e a clasificación para a final internacional celebrada en Montevideo (Uruguai), onde acadaron o Terceiro Premio ao Deseño do Robot.

O equipo Las Acacias Bot, co seu primeiro premio absoluto, está xa clasificado para ir á final nacional que terá lugar en Tenerife os días 28 e 29 de marzo, xunto co equipo Robotrafics, de Captioma Galicia, en Ourense, ao gañar o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador, que lle foi entregado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla.

O resto dos premios quedaron así:

  • Primeiro premio Dragados ao Proxecto de Innovación: C3Club, do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, A Coruña. Entregou o premio Begoña Losada, de Dragados.
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol ao Valores FIRST: FrouxiMakers, do CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña. Entregou o premio o alcalde de Ferrol, Ángel Mato.
  • Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: AnonymotsBot, do IES Fene, A Coruña. Entregou o premio Yago Sabucedo, de Banco Santander.
  • Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Cuca y la Panda, do Colexio de Fomento Peñarredonda, A Coruña. Entrega do premio a deputada provincial Ana Lamas.
  • Premio IGAPE ao Emprendemento: Ecorunners, do IES Virxe do Mar de Noia, A Coruña. Entregou o premio Natalia Barros, da Xunta de Galicia.
  • Premio LEGO Education ROBOTIX ás Novas Promesas: Robot City Pobra, da Pobra do Caramiñal, A Coruña. Entregou o premio Mariano Cabrero, subdirector da Facultade de Informática da UDC.
  • Segundo Premio Gabadi ao Proxecto de Innovación: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Vicent Alsina, de Gabadi.
  • Segundo Premio aos Valores FIRST: E-Constractors, do Colexio Plurilingüe Santa María, Ourense. Entregou o premio Armando Yáñez, director da Escola Politécnica Superior.
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot: Efigy First Las Acacias, Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Pontevedra. Entregou o premio Andrés Piñón, director da Escola Universitaria Politécnica.
  • Premio ao Adestrador para o adestrador do equipo Hackzapos, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña. Entregou o premio Alberto González, alcalde de Valdoviño.
  • Nominación ao Global Innovation Awards: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Ginés Nicolás, director do Campus Industrial de Ferrol.

 

Como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST LEGO League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Dragados, Gabadi, Naturgy, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

 

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.
  • Demostrar uns valores de equipo.

A FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

  • Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.
  • Desenvolver habilidades e competencias de futuro.

Que é a FIRST LEGO League Junior?

A FIRST LEGO League Junior é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.

Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster illustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Junior que se organizan nos tornos clasificatorios e na Gran Final.

No desafío desta tempada 2019/20, BOOMTOWN BUILD, os equipos viaxarán ata Boomtown, unha cidade onde explorarán as necesidades e retos da comunidade. Observando a contorna, os nenos e nenas participantes botarán man da súa imaxinación para resolver un problema e crear un edificio onde sexa máis sinxelo e agradable vivir.

Que é a FIRST LEGO League Junior Discovery?

A FIRST Lego League Jr. Discovery é un programa introdutorio á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e ás matemáticas (STEM), dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos. O programa estimula a súa curiosidade natural ampliando os seus coñecementos e desenvolvendo novos hábitos de aprendizaxe. Os participantes tamén desfrutan do DESAFÍO BOOMTOWN BUILD.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC