A Coruña, 10 de maio de 2021.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou esta mañá á vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, a proposta da UDC para que a Cidade das TIC sexa a sede do Nodo da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial.
O reitor mantivo unha reunión coa vicepresidenta na Facultade de Economía e Empresa, na que estiveron presentes ademais, o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o decano, Manuel Gómez, e o expresidente de Galicia e profesor da UDC, Fernando González Laxe. A vicepresidenta manifestou o seu interese sobre o proxecto da Cidade das TIC, incluído dentro das propostas do goberno autonómico aos fondos Next Generation así como outro proxecto específico da UDC de eficiencia enerxética, ademais da participación da Academia noutras propostas nas que aparece como entidade colaboradora.
Julio Abalde baseou a súa proposta para ser sede do nodo de IA en España no peso investigador e docente da UDC no ámbito tanto da Informática como da Intelixencia Artificial posicionándose a Universidade da Coruña como líder en Galicia nestes ámbitos.
A reunión foi previa á intervención de Nadia Calviño no salón de actos da facultade onde mantivo unha charla-coloquio co alumnado sobre “Perspectivas de economía e plan de recuperación”. Ademais desta breve xuntanza co reitor, a vicepresidenta segunda asinou no Libro de Honra da Facultade de Economía e Empresa, onde deixou escrito:
“Queridos amigos de la Facultad de Economía y Empresa,
¡Qué alegría poder volver a la universidad después de este año tan duro!
¡Y hacerlo en A Coruña, a miña casa!
Agradezco de corazón la oportunidad de hablar y escuchar a los jóvenes, nuestro futuro, y de contribuir así a fomentar el conocimiento y el interés por la economía, tan importante para entender y contribuir a mejorar nuestra realidad.
Hasta pronto, espero
Con todo el cariño”
A UDC, líder en IA en Galicia
A UDC ten o 74% do profesorado galego da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e máis da metade do alumnado e dos titulados en Informática de todo o Sistema Universitario Galego (SUG). Así mesmo, o Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é o primeiro centro singular do SUG en TIC e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. Está especializado nas áreas de Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade, con preto da metade de todos os investigadores galegos do sector TIC.
A charla presencial da vicepresidenta Calviño foi seguida tamén por streaming debido ao límite de aforo do salón de actos, que se completou con máis de cen asistentes. Na súa intervención, a ministra de Asuntos Económicos avanzou que a recuperación económica española comezará a verse no segundo semestre deste ano. Nadia Calviño destacou as prioridades da súa política económica que teñen como primeira medida seguir avanzando na vacinación para continuar coa protección da economía e o emprego, a consecución de estabilidade financeira e o despregue das reformas e investimentos do Plan de recuperación, que se sustenta en catro eixes, transformación verde, dixitalización, cohesión social e territorial e igualdade de xénero.
A vicepresidenta tivo unha breve intervención e, a continuación, respondeu ás preguntas, maiormente do alumnado, que lle fixeron por escrito nun coloquio moderado polo profesor González Laxe.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC