Julio Abalde destaca a aposta da Universidade da Coruña pola vinculación das humanidades coa tecnoloxía na inauguración do congreso techLING 2019

Press release
10/9/19 1:49 PM
  • Institutional

A Coruña, 9 de outubro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurou esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación o Congreso Internacional techLING 2019, organizado polo Campus Innova en colaboración coa Universidade do Minho de Portugal.

A inauguración contou tamén coa participación de Luis Hernández, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; Susana Ladra, directora do Campus Innova; e Silvia Araujo, da Universidade do Minho.

Julio Abalde destacou que unha das liñas estratéxicas actuais da Universidade da Coruña é a vinculación das humanidades cos sectores tecnolóxicos. Segundo asegurou, así o demostra a área de especialización Humanitas do Campus Innova, un dos tres campus de especialización da universidade coruñesa.

O reitor sinalou que “temos que ser capaces de aportar contido humanístico a esta revolución tecnolóxica que estamos a vivir na actualidade”. Pero tamén destacou que “os estudos humanísticos e lingüísticos teñen que saber aproveitar as oportunidades que ofrecen as innovacións tecnolóxicas”. Neste senso, fixo referencia ao novo grado en Xestión Dixital da Información e Dcoumentación, que deu comezo este curso no Campus de Ferrol. Por último, agradeceu á Universidade do Minho que elixiran á Universidade da Coruña para albergar a cuarta edición desta conferencia internacional que reunirá na cidade a  importantes expertos do ámbito das linguas e a tecnoloxía.

 

TechLING 2019

O congreso transcorrerá do 9 ao 11 de outubro na Facultade da Comunicación da UDC, no Campus de Elviña.

Nesta cuarta edición, tanto os relatorios como as comunicacións e talleres versarán arredor do ensino e tecnoloxía das linguas, a gamificación, a transmedia e os contidos audiovisuais para o ensino, así como a lingüística computacional e a lingüística de corpus.

Así, impartiranse relatorios e comunicacións sobre modelos pedagóxicos innovadores, a lingüística de corpus, aplicacións da semántica composicional distribucional ou casos prácticos de gamificación, entre outros temas de interese. Así mesmo, o congreso inclúe tres talleres prácticos sobre cartografía, blockchain e transmedia.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC