A Coruña, 7 de marzo de 2023.- O de mama é o primeiro cancro entre a poboación feminina e un dos de maior incidencia en Galicia. Cada ano detéctanse na nosa comunidade máis de 2.000 novos casos, segundo datos do Observatorio contra o Cancro da AECC. Un equipo de investigadores do CITIC da UDC vén de rematar a primeira fase dun estudo estatístico que mide a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos. O traballo é froito da colaboración con Alberto Bouzas Mosquera e Cayetana Barbeito Caamaño, cardiólogos pertencentes ao INIBIC.
“A clave está en poder estimar, en función das variables clínicas que obtemos a través de técnicas ecocardiográficas denominadas Doppler, a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, así como coñecer o tempo que pode transcorrer ata que a paciente desenvolve a doenza”, explica a investigadora do CITIC da UDC Beatriz Piñeiro Lamas. Tema central da súa tese de doutoramento e de diversos congresos científicos, o estudo rexistrou datos de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) durante os anos 2007 e 2021.
Medicina de precisión coa máis precisa das ciencias
O traballo codirixido desde o CITIC por Ricardo Cao e Ana López Cheda, está encamiñado a abrir novas e esperanzadoras vías no campo da medicina oncolóxica personalizada a través das matemáticas, “de maneira que poidamos responder a preguntas concretas como: cal é a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, que factores poden facer que esa probabilidade aumente, cal é o período de maior risco ou que factores poden atrasar a aparición da cardiotoxicidade, sinala Beatriz Piñeiro. “En todos eles, medir a variable tempo pode resultar esencial para ser capaces de anticiparnos á enfermidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das pacientes”, conclúe a investigadora do CITIC. A estatística aplicada á saúde ten neste estudo unha nova evidencia da funcionalidade das matemáticas na toma de decisións en xestión sanitaria.
Efectos adversos dos fármacos
O trastuzumab é un dos tratamentos potencialmente cardiotóxicos de uso común en quimioterapia que se adoita empregar en cancro de mama. Pódese usar para tratar esta enfermidade en fase inicial ou avanzada. Para arredor do 20% das pacientes con cancro de mama cuxos tumores sobreexpresan a proteína HER2, o uso de trastuzumab (un anticorpo humano dirixido contra esta proteína) é unha opción terapéutica importante para o tratamento de casos metastásicos ou localmente avanzados. A disfunción ventricular por trastuzumab soe ser habitual. A súa detección precoz mediante técnicas de imaxe (ecocardiogramas) permite a modificación de protocolos terapéuticos e o inicio de fármacos cardioprotectores que contrarresten o seu efecto negativo. O uso avanzado da estatística ó inicio do tratamento con efecto anticipativo, tal e como se presenta no traballo do CITIC, pode converterse nun poderoso aliado na mellora da calidade de vida das pacientes.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC