A Coruña, 14 de decembro de 2023.- Aplicar as vantaxes da intelixencia artificial e outras innovacións tecnolóxicas nas grandes emerxencias transfronteirizas é o principal obxectivo do proxecto ATEMPO, presentado en Porto. Enmarcado no POCTEP 2021-2027 de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, está impulsado por diferentes institucións públicas e centros de investigación de Galicia, Portugal e Castela e León. Desde a comunidade galega, é a Axencia Galega de Emerxencias a encargada de marcar as grandes liñas de actuación; e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), baixo a coordinación do seu director, Manuel González Penedo, asume o desenvolvemento tecnolóxico baseado en IA deste proxecto, no que participa tamén persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol.
Tras unha reunión do comité de xestión e coordinación do proxecto, o acto de presentación de ATEMPO tivo lugar onte na cidade portuguesa de Porto e contou coa presenza de diferentes autoridades luso-españolas, entre as que destacaron o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Beraldino Pinto; e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.
A investigadora do CITIC Amparo Alonso impartiu, no transcurso do evento, unha conferencia sobre as posibilidades da aplicación da IA nas emerxencias. Na súa intervención, Alonso destacou o papel da IA como ferramenta para facer fronte a situacións de emerxencia, sendo “imprescindible para ser capaces de anticiparnos ás mesmas, planificar e xestionar os recursos á hora de facer fronte ás emerxencias ou realizar simulacións”. Tamén destacou a importancia da cooperación transfronteiriza ante a necesidade de actuar de forma conxunta neste tipo de situacións. Ademais, falou sobre as posibilidades que ofrece a IA para o coñecemento de campo, para a coordinación e comunicación interadministrativa e para suplir as necesidades loxísticas.
Pola súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, recalcou a importancia da cooperación entre estes territorios, Galicia e Norte de Portugal, así como Castela e León.
Resposta anticipada, racional e intelixente
Trátase dun ambicioso programa colaborativo de tratamento e xestión de emerxencias, que busca, grazas á actuación conxunta de administracións e centros de investigación, mellorar a resposta a grandes desastres naturais, como incendios ou inundacións, como principais consecuencias do cambio climático.
O labor do CITIC no proxecto ATEMPO centrarase no desenvolvemento de sistemas de predición de accidentes mediante técnicas de deep learning a partir das bases de datos dos diferentes socios e doutras fontes, como os servizos de meteoroloxía, a actividade económica de polígonos, fontes demográficas ou ordenación do territorio. Inclúe ademais o desenvolvemento de algoritmos de análises de datos baseados en IA, en concreto ferramentas preditivas na xestión de emerxencias e modelos avanzados de predición que poidan contribuír á toma de decisións e á correspondente dotación de recursos a través de sistemas de recomendación de dimensionamento. Estas tarefas serán desenvolvidas por equipos de persoal investigador liderados polos membros do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández Pereira.
Para o director do CITIC, Manuel González Penedo, este programa supón “un importante avance para demostrar a capacidade do noso centro na transferencia de coñecemento ás necesidades reais da sociedade”. “Significa tamén afondar na cooperación coa AXEGA, que mantemos desde o ano 2021, en que iniciamos reunións para valorar o papel das TIC no tratamento intelixente e a xestión de emerxencias a partir, nese momento, dos sinais de voz e análise de noticias falsas”, sinala o director do CITIC. “O reto de estender esta colaboración transfronteiriza con outros socios de alto nivel é unha mostra máis da confianza institucional na nosa capacidade competitiva”, conclúe.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC