Ferrol, 31 de outubro de 2025.- Desde os laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol, xa se está a traballar en dous novos proxectos financiados pola Comisión Europea: FADOS e SWIRFLEX-DT. Ambas as dúas iniciativas, que combinan ciencia básica e aplicada, poñen os materiais poliméricos semicondutores —plásticos con propiedades avanzadas— ao servizo da tecnoloxía e a saúde.
Na Universidade da Coruña (UDC), a participación nestes proxectos está coordinada desde o Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI por Jaime Martín e Xabier Rodríguez. Jaime é beneficiario dunha ERC Consolidator Grant e investigador distinguido do Programa Oportunius da Xunta de Galicia, mentres que Xabier é investigador do programa InTalent UDC-Inditex.
Os proxectos desenvólvense no marco de dúas das convocatorias máis competitivas do programa Horizonte Europa: European Innovation Council Pathfinder Open (EIC Pathfinder Open) e Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA) Doctoral Networks. As dúas apoian investigacións en ciencia de fronteira con grande impacto tecnolóxico e social. Na última edición do EIC Pathfinder Open, só un 2 % das máis de 2000 propostas presentadas obtivo financiamento, o que reflicte a esixencia da convocatoria e o mérito dos proxectos seleccionados, entre eles SWIRFLEX-DT, no que participa a UDC a través do CITENI.
Materiais que permiten ver o invisible
O obxectivo de SWIRFLEX-DT (Advanced Organic Semiconductor Materials for Flexible SWIR Photodetection), proxecto coordinado pola National Hellenic Research Foundation (NHRF, Grecia), é desenvolver novos materiais orgánicos capaces de detectar luz no intervalo infravermello de onda curta (en inglés, Short Wavelength Infrared ou SWIR), invisible ao ollo humano. Esta tecnoloxía abre a porta á fabricación de sensores flexibles, lixeiros e de baixo custo, con múltiples aplicacións potenciais en distintos ámbitos. Entre as principais aplicacións inclúense as seguintes:
Para iso recorrerase a polímeros conxugados 1D e 2D, materiais con estruturas moleculares lineais ou laminares que favorecen un fluxo ordenado de electróns. A arquitectura destes materiais potencia propiedades como a absorción de luz infravermella e a condución eficiente de electricidade. Ademais, destacan pola súa lixeireza, flexibilidade e sustentabilidade fronte aos semicondutores convencionais.
Cunha duración de 42 meses, o proxecto busca unha alternativa estratéxica aos detectores de infravermello actuais, que dependen de materiais críticos escasos en Europa, como o arseniuro de galio e indio (InGaAs). Os novos polímeros permiten procesos de fabricación máis sinxelos, fornecen novas funcionalidades e alcanzan eficiencias de detección récord no intervalo SWIR.
O financiamento total do proxecto supera os 4 millóns de euros, dos cales máis de 416 000 € corresponden á UDC, única institución española participante dentro dun consorcio de 11 entidades europeas. O Grupo de Polímeros Funcionais do CITENI incorporará polo menos un novo membro ao persoal investigador posdoutoral dedicado á caracterización microestrutural dos polímeros mediante difracción de raios X e calorimetría rápida de varrido (unha técnica que analiza os cambios térmicos nos materiais).
“SWIRFLEX-DT permítenos explorar unha nova xeración de materiais cos que construír sensores orgánicos, máis sostibles e con gran potencial para aplicacións en saúde e detección intelixente”, explica Jaime Martín.
Xabier Rodríguez engade: “Este proxecto non só supón un avance científico, senón tamén unha aposta estratéxica: substituír materiais críticos por polímeros permítenos reducir riscos de subministración e avanzar cara a unha tecnoloxía máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.
FADOS: ciencia que forma as novas xeracións
O proxecto FADOS (Fundamentals and Applications of Doped Organic Semiconductors), coordinado pola Universidade de Heidelberg (Alemaña), busca comprender e aplicar o fenómeno da dopaxe nos polímeros semicondutores, que consiste na inclusión de pequenas cantidades de compostos químicos (axentes dopantes) que melloran as propiedades eléctricas dos polímeros. Este coñecemento permitirá deseñar novas xeracións de dispositivos electrónicos flexibles, lixeiros, sostibles e adaptables, como sensores de presión, módulos termoeléctricos ou pantallas enrodelables.
Pero FADOS é, sobre todo, unha rede europea de formación de persoal investigador predoutoral. Grazas ao programa MSCA Doctoral Networks, conectará universidades, centros de investigación e empresas de toda Europa para formar a 17 estudantes de doutoramento en 16 institucións europeas. O CITENI participa no apartado de caracterización estrutural e termodinámica, para avaliar a estabilidade, a compatibilidade cos dopantes e o rendemento en dispositivos reais.
O proxecto ten unha duración de 48 meses, e o CITENI contribuirá cunha praza Doctoral Networks que incluirá estadías de investigación no CNRS (Centre national de la recherche scientifique, Francia) e na empresa Epishine AB (Suecia).
O financiamenton total ascende a 4,6 millóns de euros, e máis de 280 000 € serán xestionados directamente pola UDC.
Investigación europea desde o Campus Industrial de Ferrol
FADOS e SWIRFLEX-DT reforzan a presenza do CITENI en proxectos europeos de excelencia e consolidan o Campus Industrial de Ferrol como un referente en ciencia de materiais e investigación de vangarda.
En paralelo, o CITENI contribúe coa súa experiencia en investigación oceánica e enerxías renovables en Building the nExT generaTion of marine Eco-friendly wind faRm (BETTER) do Grupo MARES, que investiga a nova xeración de parques eólicos mariños, tamén dentro da convocatoria MSCA Doctoral Networks.
En total, a UDC participa en oito proxectos dos programas MSCA Doctoral Networks e EIC Pathfinder, o que reflicte a súa capacidade para competir nas convocatorias máis esixentes da ciencia europea e subliña o papel destacado do CITENI no Campus Industrial de Ferrol —cun proxecto EIC Pathfinder e dous MSCA Doctoral Networks— como polo de atracción de talento investigador e innovación industrial.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC