Florian Michaud, investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Campus de Ferrol gaña o Premio HM á mellor tese en traumatoloxía do deporte

Press release
2/23/21 1:26 PM
  • Institutional

Ferrol, 23 de febreiro de 2021.- Florian Michaud, investigador no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Campus de Ferrol, vén de acadar o Premio HM á mellor tese de doutoramento en traumatoloxía do deporte que convoca a Cátedra HM-UDC. O traballo de investigación, titulado Modelos neuromusculoesqueléticos do corpo humano para a análise de marcha de suxeitos sans e lesionados medulares, obtivo a máxima cualificación logo da súa defensa, Sobresaínte Cum Laude, e foi dirixido polos investigadores da Universidade da Coruña, Javier Cuadrado e Urbano Lugrís.

Sempre que a situación sanitaria derivada da COVID-19 así o permita, a entrega do premio terá lugar na Coruña a finais de marzo ou a comezos de abril. Nese acto, Florian Michaud, enxeñeiro especializado en mecánica e ergonomía, exporá os resultados máis significativos da súa tese e recibirá un cheque por valor de 5.000 euros.

Ao longo do seu traballo de investigación, Florian Michaud propón un procedemento para avaliar os efectos dos dispositivos ortopédicos nas persoas con lesións medulares e a probabilidade do seu uso a longo prazo, tendo en conta algúns indicadores como son as forzas de reacción e o custe enerxético que, á súa vez, requiren a estimación de activadores e forzas musculares. Deste xeito, o investigador revisa, selecciona, adapta, mellora e valida con suxeitos completamente sans todos os métodos e ferramentas necesarias para realizar un correcto modelado e simulación por ordenador. Como el mesmo indica, utiliza modelos musculoesqueléticos personalizados e métodos de análise a nivel esquelético e musculoesquelético para acadar eses indicadores.

 

Cátedra HM-UDC

A Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte, impulsada polo grupo HM Hospitales e a Universidade da Coruña, ten entre os seus obxectivos fundamentais o recoñecemento da investigación de calidade que se está a desenvolver en Galicia no eido da traumatoloxía deportiva, así como a diseminación dos resultados da investigación e a transferencia de coñecemento. O seu director é o profesor da Facultade de Fisioterapia do Campus da Coruña, Javier Cudeiro Mazaira.

Nesta segunda edición do Premio á Mellor Tese de Doutoramento, podían participar todos aqueles doutores e doutoras que obtivesen o seu título en calquera das tres universidades galegas ao longo do ano 2019 mediante a realización dunha tese de doutoramento nunha temática relacionada directamente coa traumatoloxía do deporte, incluíndo a reeducación funcional logo dunha lesión deportiva, e que supuxese un avance significativo no coñecemento neste campo. Todas as teses presentadas debían ter a cualificación máxima, Sobresaínte Cum Laude.

 

Foto: Florian Michaud, galardoado co Premio HM á mellor tese de doutoramento en traumatoloxía do deporte que outorga a Cátedra HM-UDC, no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Campus de Ferrol.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC