Estudantes de Terapia Ocupacional, premiados no CITIC da UDC polos seus innovadores deseños inclusivos

Press release

5/7/25 12:44 PM

  • Institutional
  • Un cubilete adaptado e unha culler ergonómica, creados polo alumnado de primeiro curso, destacan pola súa contribución á accesibilidade para persoas con diversidade funcional. 
  • O Centro de Investigación en Tenoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acolleu onte a presentación de resultados do estudo europeo Design2Freedom, coordinado polo grupo de investigación Talionis.

A Coruña, 7 de maio de 2025.- O CITIC da Universidade da Coruña acolleu onte a xornada de presentación de resultados do estudo piloto do proxecto europeo Design2Freedom, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). Esta iniciativa fomenta metodoloxías e produtos inclusivos a través do traballo conxunto entre estudantes, persoas con diversidade funcional e profesionais de distintos ámbitos.

Durante dous meses, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional da UDC traballaron en equipos mixtos con usuarios da Confederación Española de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) da Coruña e da Confederacion Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), e coa colaboración de profesorado e alumnado de enxeñaría, educación, logopedia e traballo social, para idear solucións tecnolóxicas a desafíos cotiáns.

Na xornada de clausura, un xurado mixto formado por Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Laura Nieto, docente e investigadora do CITIC da UDC; Jorge Liñares, usuario de ASPACE-Coruña ; e Ángela Labandeira, representante de COGAMI, recoñeceu as solucións máis inclusivas e innovadoras.

O primeiro premio recaeu en “O Cubilete de Joan”, do que o xurado destacou o seu enfoque de deseño centrado na persoa e a maneira en que o equipo integrou as necesidades do usuario desde o inicio do proceso creativo.

O traballo vira ao redor dun dispositivo personalizado proposto por Joan, de ASPACE Coruña, e o seu obxectivo principal foi deseñar un cubilete adaptado que lle permite manipular obxectos pequenos de forma máis eficiente. Durante o proceso, colaborouse con Joan e o seu contexto e expuxéronse dúas solucións con esquemas técnicos e medidas específicas, cun enfoque técnico, funcional e moi centrado nas necesidades do usuario.

O segundo galardón foi para un utensilio adaptado de cociña: unha culler con engrosador deseñada para facilitar o agarre e evitar esvaramentos. O equipo do proxecto denominado “Agárrao Ben” empregou técnicas como o modelado en arxila e a impresión 3D con materiais seguros para alimentación, desenvolvendo unha solución viable e práctica. O seu obxectivo principal foi crear unha ferramenta adaptada que facilite o agarre e uso de utensilios.

 

Estudo europeo

Design2Freedom atópase en fase piloto en tres universidades europeas: Vilniaus Kolegija – VIKO (Lituania), Technicka Univerzita v Kosiciach – TUKE (Eslovaquia) e Universidade da Coruña – UDC (España). O obxectivo do proxecto é crear unha contorna de aprendizaxe inclusiva que capacite aos futuros profesionais para desenvolver produtos e servizos realmente centrados nas persoas.

A organización do piloto na UDC estivo a cargo do grupo Talionis do CITIC, que impulsa a aplicación da I+D+i en TIC con impacto social.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial ; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC